Hispasat e Eurona queren equipar o noso rural con Internet por satélite de 30 Mbps

xoves, 5 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A fenda dixital existe porque existe un descoñecemento sobre as posibilidades da tecnoloxía satélite. Esta foi unha das principais conclusións ás que chegaron hoxe, nun almorzo de prensa en Santiago, os responsábeis de Hispasat, Eurona e FENITEL: unha rolda cos medios nas que quixeron dar conta das potencialidades para o noso rural e para o noso mar (os barcos galegos en altamar) da banda Ka satelital: unha tecnoloxía que chega ao noso fogar ou empresa en canto a solicitamos, que fornece velocidades de 30 Mbps e que ceiba a todos os axentes implicados dos grandes custos que implican as instalacións de fibra até o fogar. Segundo lembraron as ditas compañías, o 37% da poboación galega está hoxe fóra da meta dos 30 Mbps e moitos fogares e empresas non teñen nin sequera conexións de 10 Mbps. Existe solución inmediata a isto? “Sen dúbida si”, coincidiron.
Na cita, que serviu de presentación en Galicia da iniciativa Conéctate por satélite, participaron Ignacio Sanchís, director de Negocio de Hispasat, Aquilino Antuña, director de Desenvolvemento de Negocio de Eurona, e Miguel Ángel García Argüelles, director xerente da Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións, FENITEL. Os tres abriron o almorzo de prensa anunciando que os ditos operadores ofrecerán Internet de banda larga por satélite a máis de un millón de persoas da nosa terra que, aínda hoxe, non desfrutan dunha “conexión rápida e eficiente”. Na xuntanza tamén participou o edil do Concello de Santiago Jorge Duarte, interesándose polas posibilidades da oferta para o rural compostelán.
Abriu as quendas Ignacio Sanchís, informando aos presentes de que, no canto do que acontecía hai uns cantos anos, “na actualidade Internet deixou de ser un luxo” e converteuse nun servizo básico que, aínda que pensemos que non, está xa ao alcance da man de gran parte das nosas empresas e fogares. Porén, dixo, dáse a circunstancia de que malia esta dispoñibilidade, seguen a existir amplas franxas de poboación rural que aínda non contan con Internet de alta velocidade, un feito que só se explica polo “descoñecemento das potencialidades actuais do satélite”. Segundo apuntou, este tipo de servizo é “idóneo para cubrir zonas rurais, xa que achega cobertura universal en chairas, vales e montañas; e é rápido de habilitar, xa que só precisa da instalación dunha antena conectada a un router, sen que sexa necesaria obra civil algunha”. A estas vantaxes Sanchís engadiu o factor prezo: “Estes servizos puideron ser caros hai anos, pero xa non son son e nos últimos anos, de feito, deuse un chimpo significativo”.
Na cita tamén falou Aquilino Antuña e abriu a súa quenda facendo un chamamento a desbotar “dunha vez por todas” a vella crenza de que a fenda dixital que separa as zonas rurais das urbanas, a terra do mar, non ten solución. “O remedio xa está aquí e se pode poñer en práctica en cuestión de días”, dixo, facendo un repaso polos traballos da súa empresa en países africanos, onde se emendou decontado o problema endémico da des-conectividade achegando tecnoloxía por satélite a amplas franxas xeográficas do rural. Ao seu xuízo, o cambio nestes países introducido pola banda larga foi absolutamente “radical”, e de súpeto sentáronse os alicerces para unha suba no nivel de educación, na riqueza, na empregabilidade e mesmo no PIB.
Segundo explicou Antuña, os fogares e empresas galegos que queiran desfrutar destes servizos, poden facelo chamando a Eurona e poñer en marcha (de man da propia empresa) a cuestión da tramitación de axudas e solicitudes. O servizo básico mensual, explicou, vai dos 29 euros até paquetes máis potentes de entre 70 e 80 euros. “O noso servizos chega ao fogar, logo de ser solicitado, en cuestión de días”. Antuña rematou a súa intervención facéndose a seguinte pregunta: “É rendíbel chegar con fibra óptica a unha aldea ou núcleo de poboación de dúas ducias de persoas onde se cadra só será contratada Internet por cinco ou seis veciños, con todo o que cómpre facer de investimento, procedementos e obra civil?”. “Se cadra”, engadiu, “non semella moi rendíbel”.
Pechou a rolda de intervencións Miguel Ángel García Argüelles, director xerente da Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións, quen fixo fincapé nas cousas que se poden facer con 30 Mbps: “Igual esta capacidade medida de conexión non se pode comparar cos 300 Mbps que pode subministrar a fibra, pero está claro que para moitas familias e fogares o importante é contar cunha tecnoloxía que lle solucione os seus problemas o máis axiña posíbel e que lles permita resolver, con rapidez e eficiencia, moitos dos requirimentos básicos e avanzados que lle demandan á Rede”.
A banda Ka
Segundo coincidiron, a banda Ka satelital preséntase como “a mellor alternativa para dar servizo de acceso a Internet a zonas remotas ou pouco poboadas onde non hai outras opcións tecnolóxicas, xa que, ao ser máis potente e concentrada que outras bandas de frecuencia, permite unha maior velocidade e un custo máis axustado, resultando moito máis eficiente e facilitando un mellor servizo ao usuario”. Hispasat ten capacidade dispoñíbel en banda Ka sobre España en dous dos seus satélites, o Hispasat 36W-1, lanzado o ano pasado, e o Hispasat 30W-6, que se puxo en órbita hai catro meses.
Co recente acordo acadado entre Hispasat e Eurona para comercializar a banda Ka destes satélites, esta última convértese no operador con maior capacidade satelital en Europa, “o que será clave para democratizar o acceso a Internet en España”.

PUBLICIDADE