Hearst Magazines espera superar o millón de subscrións ás súas revistas en 2012

venres, 2 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Cando as revistas de Condé Nast comezaron a chegar ao iPad, tiveron unha forte acollida a través de aplicacións de seu, que foi decaendo tras a novidade inicial, pero a incorporación dunha aplicación de venda e lectura de revistas no iOS 5 chamada Newsstand parece estar a fornecer a este sector (mellorando a súa visibilidade), e o presidente de Hearst Magazines, David Carey, asegurou que a súa editora (responsable de publicacións como Elle, Cosmopolitan, Esquire, Harper’s Bazaar, Popular Mechanics e Car and Driver) agarda conseguir “ter máis dun millón de e-subscricións” en 2012, volume que parecería incrible hai poucos meses, pero que parece realista ao saberse que actualmente teñen uns 400.000 subscritores ás edicións dixitais de Cosmopolitan, Esquiree outros títulos.
O principal competidor de Hearst, Time Inc (editora de Sports Illustrated e People, entre outras revistas), que vén de pór a Laura Lang á cabeza da compañía, ten unha estratexia comercial moi diferente, pois ao formar parte de Time Warner, buscan un achegamento multiplataforma á venda de contidos, deixando claro que os modelos de negocio aínda están por definir, pero parece que hai esperanza para un sector no que hai un grande temor pola obsolescencia tecnolóxica e non saber manter unha masa crítica de público que garanta a súa superviviencia.
Unha das declaracións que máis sorprenden de David Carey é que considera que o feito de que os distribuidores de contidos para tablets queden co 35% dos ingresos económicos polos seus produtos non supón un abuso (en contraste con moitos axentes do sector), pois asegura que as editoras das revisas impresas só conseguen un 55% do prezo de portada, de xeito que o novo contorno podería ser incluso máis rendible.

PUBLICIDADE