Hamburgo considera que Zoom vulnera a lexislación europea de protección de datos

martes, 17 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A Comisión para a Protección de Datos e a Liberdade de Información de Hamburgo realizou un comunicado advertindo á súa Chancelería do Senado sobre o uso de Zoom como ferramenta de videoconferencia ao considerar que a compañía viola o Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea, considerando insuficiente no nivel de protección que teñen os datos persoais nos EE.UU.
Dende Hamburgo lembran que as transferencias de datos persoais entre EE.UU. e Europa só están permitidas baixo condicións moi estritas, que non é o caso de Zoom, polo que os empregados gobernamentais e das compañías que se relacionen con eles non deberían empregar servizos como Zoom ante a falta de protección legal que podería expor as conversas á vixilancia masiva estatal por parte dos EE.UU.
As autoridades de Protección de Datos lembran que «os organismos públicos están particularmente obrigados a cumprir coa lei» e láianse por ter que chegar a realizar unha comunicación formal instando á prohibición de utilizar Zoom por parte da Chancelería do Senado, especialmente cando dispoñen dunha solución de videoconferencia oficial con servidores no seu país.
Esta chamada á atención por parte das autoridades de Hamburgo resulta especialmente rechamante, xa que podería ser de aplicación en todo o marco da Unión Europea. De feito, resulta sorprendente que Zoom conserve o seu despois da sucesión de escándalos xurdidos o ano pasado, na que quedou en evidencia a falta de seguridade do servizo, que poderían entenderse que carecía de seguridade a nivel de deseño.

PUBLICIDADE