Hackean o iPod Touch antes de pórse á venda

venres, 14 de setembro do 2007 Marcus Fernández

As pasadas semanas o iPhone de Apple viña centrando boa parte da actualidade informativa, polo que agora a que se pode considerar a súa versión reducida, o iPod Touch, está a facer o propio, e ante o seu inminente lanzamento a finais de mes xa aparecen distintas novidades sobre o mesmo.
Así, os usuarios que o queiran coñecer ó detalle o seu funcionamento poden descargar o manual en inglés (en formato PDF) da web de Apple. Pero non só se publicou o seu manual de uso, senón que tamén están a chegar unidades do reprodutor ás tendas de Apple e ás mans de xornalistas, de xeito que en PC Magazine a publicaron unha extensa análise do iPod Touch na que concordan en que o seu funcionamento é case igual ó do iPhone (agás por non contar con teléfono, Bluetooth e cámara), aínda que serían os mozos de Gizmodo os que deran conta de que a pantalla do iPhone parece ser de mellor calidade, o que restaría puntos ó novo produto.
Pero se algo destacou nas últimas horas é que antes de que se venda o dispositivo xa apareceron guías para o seu hackeo, ou sexa, que igual que se facía no iPhone, o iPod Touch tamén poderá contar con máis aplicacións das que veñen de serie. Dende a web Hack the iPod Touch publican polo momento as instrucións para transferir algunhas aplicacións preparadas para o iPhone ó novo reprodutor, como son o programa de lectura de correo electrónico, o servizo de Google Maps e as plataformas de consulta da Bolsa e das predicións meteorolóxicas.

PUBLICIDADE