Habilitadas en Moaña zonas de descanso intelixentes para o impulso do comercio local

luns, 2 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra fixo entrega ao Concello de Moaña de novos equipamentos de descanso destinados a potenciar o comercio local, converténdose así nun dos primeiros concellos en recibir estas novas dotacións. En total, ao longo dos últimos meses instaláronse estas áreas de descanso en 20 concellos da provincia ao abeiro dos proxectos Da túa man. Estas iniciativas, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70% do orzamento, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.
Os concellos beneficiarios son os de Moaña, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Ribadumia, Poio, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño, no caso do proxecto Da túa man, e Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través da liña Commerce Inside. Todas eles contan xa con zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, que serán entregadas para a xestión municipal nos vindeiros días. Na gran maioría dos casos, están dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras.
Amais, unha ampla porcentaxe destas novas áreas verdes de descanso está dotada con paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostrarán toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma. Toda a información dispoñíbel poderá consultarse a través dun código QR e cargaranse con enerxía solar.
O obxectivo da Deputación é “favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovábeis a través de cargadores solares”.
No caso dos concellos de Da túa man instalaranse puntos de recollida intelixentes con smart lockers para transformar os principais puntos de venda e desenvolverase un sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa para impulsar os procesos de compra, entre outras actuacións.

PUBLICIDADE