HP podería segregar as súas divisións de informática de consumo

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Hai varios anos comentouse a posibilidade de que Hewlett-Packard segregase as divisións doméstica e corporativa, para seguir o mesmo rumbo que outros grandes fabricantes de ordenadores, que mudaron nos últimos anos a súa estratexia para fuxir do pouco rendible mercado de consumo e centrarse no sector empresarial, e agora The Wall Street Journal recupera ese rumor, de xeito que espérase que esta mesma semana se anuncie a formalización desta decisión nun plan que separaría a sección de ordenadores e impresoras da parte de informática corporativa e servizos TIC.
Coméntase incluso que Meg Whitman pasaría a encabezar a división de empresas, tomando tamén un posto directivo na división de consumo, que tería a Dion Weisler á cabeza, coa axuda de Patricia Russo.
Ao parecer esta decisión chegaría despois de intentar vender as divisións menos rendibles (como a de ordenadores) a outras compañías como fixeron compañías como IBM e Sony; e incluso rumoreouse que HP intentou vender a división de servizos empresariais a un par de compañías na India; pero ningunha destas negociacións prosperou, tendo que recuperar os plans de reestruturación da compañía que iniciaran antes da chegada de Whitman á dirección.
ACTUALIZACIÓN: Como era de agardar, finalmente HP confirmou a súa división en 2 empresas: HP Inc. para o mercado da informática de consumo e HP Enterprise para o mercado corporativo.

PUBLICIDADE