HP e Bull recoñecen o esforzo innovador dos nosos futuros profesionais

martes, 22 de novembro do 2011 Redacción

Roberto Rey Expósito, Premio HP ao Mellor Proxecto Fin de Máster e Premio Bull ao Mellor Expediente Académico, recolle o diploma acreditativo de mans de Ignacio López Cabido, subdirector técnico do CESGA

Este luns 21 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolleu a resolución da primeira entrega duns galardóns dirixidos a recoñecer a creatividade e a capacidade de achegar innovación dos nosos futuros profesionais das novas tecnoloxías. Estamos a falar dos Premios ao Mellor Proxecto Fin de Máster HPC, un certame que vén da man das universidades da Coruña e Santiago e o devandito Centro e que conta co patrocinio das compañías HP, Bull e, tamén, IBM, Fujitsu, AMD e Gompute. Asemade, o evento tamén conta co apoio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. A raizame destes galardóns está no convenio establecido entre HP e Bull, por unha banda, e o Máster en HPC, pola outra. Ao seu abeiro, decidiuse pór en marcha uns premios que distinguisen os mellores proxectos que xorden da dita actividade formativa, dous premios que se non só se dirixisen a salientar o traballo das/os futuros profesionais senón tamén a dar visibilidade ao seu labor.
Optaron ao recoñecemento as/os estudantes do Máster HPC cuxos proxectos foron presentados e cualificados cunha nota mínima de sobresaínte no transcurso do curso pasado. O xurado está integrado por Patricia González Gómez, da UDC, coordinadora do Máster HPC, David Mosquera, xerente de Grandes Contas Galicia de HP, Alberto Retana, director xeral Sector Público, Sanidade e Educación de Bull, Ignacio López Cabido, subdirector do CESGA e Juan Carlos Pichel Campos, representante da USC. Durante a presentación desta resolución dos premios, o equipo que encargou de valorar os traballos fixo fincapé na importancia do seu reto, sobre todo se temos en conta “a alta calidade e valor tecnolóxico de tódalas propostas finalistas, así como o interese da área e infraestruturas propostas e das achegas que representan, de tal maneira que finalmente HP decidiu premiar dous proxectos, en lugar dun, como estaba previsto”.
O xurado resolveu os galardóns seguindo criterios de calidade técnica, orixinalidade e grao de innovación, amais de atender ao seu potencial práctico en diferentes empresas e departamentos das mesmas.
Deste xeito, os gañadores da primeira edición do Premio HP ao Mellor Proxecto Fin de Máster son Diego Darriba López polo seu traballo JModelTest 2: selección rápida dos mellores modelos de axuste de evolución de ADN e Roberto Rey Expósito, pola achega Mecanismos de Comunicación Eficientes en redes de alta velocidade para a libraría de paso de mensaxes en Java F-MPJ. Este último estudante, por certo, fíxose tamén co Premio Bull ao Mellor Expediente Académico.
Pola súa parte, o Premio Bull ao Mellor Proxecto Fin de Máster foi dar Juan López Gómez pola súa investigación Desenvolvemento sobre GPU de técnicas para a detección de obxectivos en imaxes hiperespectrais mediante a utilización de redes neuronais.
Os proxectos gañadores, un por un
O proxecto de Roberto Rey Expósito do que falamos presenta Java como unha “interesante opción”, infórmase dende o CESGA, para o desenvolvemento de middleware de comunicación para os sistemas actuais, porque achega un completo soporte multithread e de comunicacións en rede. O auxe das arquitecturas clúster e o aumento exponencial do número de núcleos nos procesadores fan que sexa necesario o uso de middleware de comunicación eficiente para obter a maior escalabilidade posible nas aplicacións paralelas e distribuídas. “Este traballo”, engade o Centro, “presenta o desenvolvemento de mecanismos de comunicación eficientes en redes de altas prestacións para bibliotecas MPJ, sendo integrados na implementación: F-MPJ”. A avaliación experimental, prosegue o centro de supercomputación, amosou aumentos significativos do rendemento tanto en comunicación punto a punto como en operacións colectivas, comparado con solucións previamente existentes en Java. A eficiencia destes mecanismos, que son competitivos fronte a MPI, incrementou de maneira significativa a escalabilidade das aplicacións Java para HPC intensivas en comunicacións.
Polo que atinxe ao traballo de Diego Darriba, recoñecido tamén por HP, dicir que ten un gran potencial porque impulsa a bioinformática, “unha das áreas de maior medre no uso da computación de altas prestacións, e ademais porque consegue optimizar o rendemento e reducir o tempo de execución dunha aplicación, como é o jModelTest2, unha ferramenta utilizada en análise filoxenético (estimación da historia evolutiva de organismos) desenvolvida en linguaxe Java para a selección de modelos de substitución de ADN, que utilizan máis de 30.000 investigadores”.
O premio Bull ao mellor proxecto recaeu no traballo de Juan López Gómez, que consistiu no desenvolvemento dunha metodoloxía para a detección de obxectivos con independencia da súa escala e orientación, “no contexto da procura de procesado de imaxes hiperespectrais en tempo real, baseada en algoritmos construídos a partir de redes neuronais artificiais (ANNs) e especialmente desenvolvida para a súa implementación eficiente en cartóns gráficos (GPUs)”, sinálase dende o CESGA. A detección aplicouse a un escenario de procura e rescate marítimos (detección de náufragos) e á identificación de materiais (identificación de follas de árbores).
Tódolos gañadores do certame recolleron no serán deste luns 21 os premios HP dotados cun produto de alta tecnoloxía e o premio Bull: unha visita ao Centro de Competencias e Servizos Avanzados da compañía en Grenoble, Francia.

PUBLICIDADE