HP achégalle a súa tecnoloxía ao operador galego Retegal

venres, 6 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Retegal, a empresa da Xunta encargada da xestión das infraestruturas e servizos de telecomunicacións na Comunidade, vén de tirar partido da tecnoloxía de HP co fin de impulsar as súas estratexias de afianzamento TIC na nosa terra. Máis polo miúdo, e segundo informa Galiciaé, o operador público empregou os servizos da multinacional para desenvolver unha rede con capacidade de abondo que posibilite a renovación do tecido galego de Internet. O proxecto forma parte do Plan de Banda Larga da Xunta e contou co apoio e infraestrutura das divisións HP Networking e HP Tecnology Services.
O obxectivo deste acordo coa multinacional da Sociedade do Coñecemento, máis polo miúdo, foi o de deseñar e pór en funcionamento unha rede multiservizo sobre tecnoloxía MPLS que posibilitase os requirimentos de calidade de fluxo e conexión da Xunta e das empresas operadoras de telecomunicacións que desenvolven o seu labor na nosa terra.
A propósito do porqué de ter elixido os servizos de HP, fontes de Retegal informaron de que as propostas de HP eran as que máis se axustaban ao que se demanda, adaptándose ás necesidades presentes e futuras ao abeiro do plan de modernización da infraestrutura da Comunidade. HP Networking, que concorre neste despregamento de redes co seu socio Inycom, considera que este fornecemento de infraestrutura é clave para o futuro das telecomunicacións na nosa terra.

PUBLICIDADE