HP achega as claves para o almacenamento dixital masivo

xoves, 2 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O pasado venres, HP celebraba con unha das súas empresas colaboradoras (a partner Alhambra-Eidos) un almorzo tecnolóxico no que se daban a coñecer as tendencias actuais do entorno do almacenamento nas empresas, que se agora nos parece que é moita a cantidade de datos cos que hai que lidiar, o certo é que en 2020 multiplicarase por 44 a información dixital que haberá que almacenar respecto do 2009.
Xa que logo, nesta cita, na que ámbalas dúas compañías ofreceron cadansúas solucións innovadoras e servizos TIC, tratouse de dar unha visión xenérica de como foron evolucionando tanto as necesidades de almacenamento nas organización, como a tecnoloxía coa que se cubre esta necesidade, ata chegar ao momento actual no que o volume de información que dispoñen as compañías “determina un cambio na maneira de ver o almacenamento de datos”, aseguran.
A proposta técnica como solución a este problema foi exposta por Víctor Pérez de Mingo, consultor prevenda de Solucións de Almacenamento de HP, quen dixo que o que se propón a compañía é “realizar unha reestruturación e optimización do almacenamento así como xerar estruturas eficientes en velocidade, dispoñibilidade e seguridade para cada tipo de dato”.
Dende HP idearon a serie de almacenamento HP P4000, que consta de cabinas nas que, grazas á tecnoloxías Scale-out, poden conectarse entre si e ir medrando segundo as necesidades de cada compañía.
Trátase de solucións de tamaño medio especialmente deseñadas para contornas virtuais, onde o rendemento é escalable, hai unha alta dispoñibilidade alén do hardware, redúcense custes e increméntase o emprego da capacidade.
Isto fai que, en palabras de Pérez de Mingo, “se mellore a protección de datos e se dispoña de replicación integrada”.
Vantaxes que axudarán a afrontar as futuras necesidades de almacenamento de datos nas empresas, do xeito máis seguro e económico posible.

PUBLICIDADE