Gritos en el pasillo, recoñecida nos premios galegos do audiovisual

mércores, 16 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente a Academia Galega de Audiovisual deu a coñecer onte no Teatro Jofre de Ferrol os recoñecidos nos Premios Mestre Mateo 2007 (con El niño de barro como gran triunfadora da noite) e, como sempre, temos que falar dunha boa presenza de produtos e artistas directa ou indirectamente vinculados ás novas canles da información e da creación. O catálogo de modalidades dos premios, ós que optaron 121 traballos de 86 produtoras, incluíu apartados directamente relacionados co dixital, como o de Mellor Longametraxe de Animación, onde se impuxo finalmente Gritos en el pasillo (de Perro Verde, filmada ó cen por cen con cacahuetes) e foron nomeadas Donkey Xote (da firma compostelá Bren, ligada a Filmax) e Nocturna (de Filmax Animación).
A continuación falamos máis polo miúdo de cada un destes proxectos.
Gritos en el pasillo: cacahuetes por persoas
Podemos ver moita información sobre este filme en www.gritosenlpasillo.es. Trátase dunha proposta innovadora se mire por onde se mire. En primeiro lugar polo emprego de cacahuetes como actores e, en segundo lugar, polo uso acertado das novas tecnoloxías para darlle vida á historia. A película está dirixida por Juanjo Ramírez, afincado na Coruña. Na Internet, a comunidade de redeiros é practicamente unánime: o único defecto grande deste filme é que dura pouco. Polo demais, en espazos de participación como Filmaffinity.com os internautas cualifícano de exemplo idóneo de talento e humildade. A película, que segue o ronsel escenográfico de Tim Burton pero collendo influenzas dun abano amplísimo de propostas, narra o arrepiante experiencia dun ilustrador de contos para nenos cando é contrato polo director dun manicomio para decorar as paredes do recinto. Tal e como indica o título do filme, as cousas complícanse cos sons que se escoitan nun dos corredores do edificio ó que vai dar o ilustrador.
Donkey Xote: un proxecto que puído dar máis de si
Chegou ás grandes pantallas de toda España o pasado Nadal este filme de animación, producido por Filmax Animation, e que xa se puido ver días antes na preestrea organizada polo Grupo Correo Gallego nos composteláns cines de Área Central. Donkey Xote precisou un investimento de 15 millóns de euros e máis de 4 anos de traballo, e resultou un interesante aínda que fallido (sobre todo por cuestións de guión) achegamento libre á figura do Quixote. O filme contou coa dirección de José Pozo cun guión de Ángel E. Pariente, pero a elección das voces dos personaxes aínda resulta máis destacable, coa presenza de Andreu Buenafuente (Sancho), José Luis Gil (Quixote), Sancho Gracia (Sansón Carrasco), Sonia Ferrer (Dulcinea), David Fernández (Rocinante), Luis Posada (Rucio) e Jordi González (narrador). Malia o entusiasmo amosado na presentación do filme polo presidente de Filmax, o galego Julio Fernández (quen cualificou á película coma “o proxecto máis grande de animación que xamais se fixo na historia fóra dos estudos de Hollywood”), a verdade é que o proxecto resultou satisfactorio a medias. O acerto da película está nos aspectos máis visuais, para os que se contou unha vez máis coa ampla participación do equipo de deseñadores da empresa compostelá Bren, filial de Filmax, sobre todo no eido da creación de espazos en 3D.
Nocturna, homenaxe ó soño
Nocturna, película de Filmax con participación galega a través da compañía Bren (con base en Santiago) é probablemente un dos mellores filmes de animación do ano 2007, e non só a nivel galego ou español, senón tamén a nivel europeo, tal e como se puído comprobar na pasada edición do festival Cartoon Movie celebrada en Postdam (Alemaña), onde competía na sección oficial como mellor película e onde unicamente foi obxecto de louvanzas. Nocturna, en www.filmaffinity.com foi votada cunha cualificación de 6,7 puntos sobre 10 por 186 internautas, fíxose na última convocatoria dos Premios Goya co recoñecemento ó mellor filme de animación. Nocturna, dirixida por Adriá García e Víctor Maldonado, é unha sentida homenaxe ó poder de evocación da noite e toda a longa listaxe de acontecementos que propicia, ás máis das veces sen que nós, os durmintes e os soñantes, teñamos exacta conciencia deles.

PUBLICIDADE