Granxafamiliar.com, no punto de mira da investigadora italiana Sonia Angelisi

venres, 10 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O portal galego www.granxafamiliar.com, a pleno rendemento estreitando a distancia que existe entre as despensas dos contornos urbanos e as explotacións rurais da nosa terra, está a espertar interese entre a comunidade investigadora internacional. Así nolo conta a Universidade de Santiago, da que partiu precisamente a iniciativa en liña, que dá acubillo arestora a ducias de negocios familiares das nosas catro provincias, poñendo na Rede todo tipo de produtos: queixo, mel, viño, froitas, verduras, etc.
Pois ben, segundo informa a USC, a investigadora da Universidade de Calabria, Sonia Angelisi, elixiu a iniciativa galega para a súa tese de doutoramento, sendo o seu obxecto comprobar de primeira man que é o que move aos consumidores que participan no portal: os aspectos económicos ou tamén os valores ecolóxicos e de solidariedade.
Na súa hipótese de traballo, Angelisi diríxese a demostrar que estes novos xeitos de actividade económica contribúen tamén ao intercambio de información e valores. No seu traballo, entre outras cousas, procederá a comparar o proxecto galego (impulsado polo grupo GIS-T do Idega da USC para favorecer a venda directa, sen intermediarios, a través da Rede, ao tempo que se promove o comercio xusto e a calidade) co equivalente italiano, www.campagnamica.it. Sobre este portal, dicir que se encamiña a certificar e informar polo miúdo dos vieiros polos que discorren os alimentos ao longo da cadea de produción. Trátase dun proxecto que dá acubillo a explotacións de Calabria co obxecto de mellorar a distribución dos produtos e o contacto entre explotadores e consumidores e entre todos eles e o substrato histórico e tradicional no que se insiren.
Segundo informa a USC, esta cooperación investigadora insírese no marco das relacións académicas entre o GIS-T do Idega e a Escola de Doutoramento de Coñecemento e Innovación para o Desenvolvemento André Gunder Frank da Universidade de Calabria.

PUBLICIDADE