Grande participación na terceira edición do concurso Aprendo Programando

mércores, 23 de maio do 2018 Redacción

Patrimonio cultural europeo é a temática proposta este ano para a III edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o CPETIG co obxecto de achegar a programación e integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías por parte da infancia e da adolescencia.
O interese dos centros escolares por participar nesta iniciativa vai en aumento cada ano, de tal xeito que nesta edición practicamente se duplica o número de equipos inscritos, pasando dos 39 do pasado ano aos 72 equipos este ano. Deles, 57 son de alumnado de ESO e 15 son equipos de Primaria.
Aprendo Programando representa para o alumnado de Primaria e de ESO a oportunidade de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Esta ferramenta didáctica abre numerosas posibilidades creativas, como desenvolvemento de xogos, historias interactivas, animacións ou programación de robots.
Cada centro participante ten que entregar un proxecto programado polo alumnado con Scratch e optar así aos premios do certame, que serán entregados o vindeiro mes de xuño.
O CPETIG convoca esta iniciativa comprometido tamén co obxectivo de superar desde a infancia os estereotipos de sexo sobre a programación e potenciar as vocacións femininas pola informática. Neste contexto, amais do concurso Aprendo Programando organiza o Scratch Day, un evento didáctico e lúdico en el ámbito familiar, que este ano chega á súa IV edición.
Desde a súa creación hai pouco máis dunha década, o Scratch transformou a aprendizaxe de escolares moi novos, con máis de 18 millóns de persoas usuarias en todo o mundo e máis de 22 millóns de proxectos compartidos.

PUBLICIDADE