Grande éxito do servizo de cita médica a través da web

luns, 21 de setembro do 2009 Redacción

Un total de 951.233 citas médicas foron tramitadas a través da páxina web do SERGAS durante os seis primeiros meses deste ano. Cada día son máis os usuarios galegos que solicitan unha cita de Atención Primaria a través desta ferramenta, e de feito, as citas xestionadas aumentaron en máis de 360.000 citas, comparando co mesmo período do ano anterior.
Segundo as áreas, os datos reflicten que os pacientes da área de Vigo son os que máis empregan esta ferramenta, xa que realizaron máis de 234.731 solicitudes neste primeiro semestre de 2008.

O número de usuarios do servizo en liña medrou considerablemente en 2009 con respecto do ano anterior

Os pacientes da área da Coruña son os segundos que máis citas médicas solicitaron a través da páxina web, con máis de 161.438 solicitudes; seguidos dos pacientes da área de Santiago de Compostela, con máis de 148.926 citas solicitadas.
A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a administración sanitaria galega perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa administración sanitaria.
Durante os sete primeiros meses de funcionamento desta ferramenta, solicitáronse 6.905 citas, sendo Pontevedra a provincia que máis empregaba esta ferramenta, con 3.640 peticións. A segunda provincia que máis empregaba internet para pedir cita co seu médico era A Coruña, con 1.744, seguida de Ourense con 847 e Lugo con 674.
Dende o seu inicio, o Servizo Galego de Saúde garantiu que todas as transacións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade.

PUBLICIDADE