Gradiant valida hoxe en Santiago os resultados das súas investigacións en tecnoloxía 4G
mércores, 10 de outubro do 2012
Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) desenvolve
hoxe, en colaboración con Telefónica, unha
validación conxunta dos seus proxectos de investigación en
tecnolóxica LTE (Long Term Evolution) da dita operadora. Á cita
están convocados os nosos profesionais das novas tecnoloxías da
información e das telecomunicacións, sexan do eido privado ou do
público, e levarase a cabo nas instalacións do Centro Demostrador
TIC (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) en Santiago. O
principal obxectivo desta proba convocada por Gradiant é amosar o
comportamento dos sinais LTE (tecnoloxía tamén coñecida como 4G)
en contornos reais, cousa que foi avaliada polo miúdo nos traballos
recentes levados a cabo neste eido dende o centro galego.
Lembrar
que o Centro Demostrador TIC acubilla dende xullo de 2012 un laboratorio piloto de tecnoloxía 4G, posto en marcha por Telefónica en
colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA). Este obradoiro de traballo supón, en palabras de
Gradiant, “un excelente escenario
sobre o cal as empresas do sector TIC galego poderán levar a cabo
demostracións e probas dos seus desenvolvementos, sendo como é o
primeiro punto de acceso 4G dispoñíbel de maneira permanente en
Galicia, previo a un futuro despregue territorial de Telefónica”.
Ao
fío disto e volvendo á cita de hoxe, Gradiant será
precisamente a primeira organización galega que fai emprego desta
infraestrutura no Centro Demostrador TIC.