Gradiant pon o Big Data ao alcance dos cidadáns para esculcaren con lupa os candidatos ás xerais
xoves, 23 de xuño do 2016
O Centro Tecnolóxico
Gradiant desenvolveu unha ferramenta que nos
permite tirar o máximo partido do Big Data (empregando
información masiva do xeito máis doado) co obxectivo de seguir en
tempo real a campaña das eleccións xerais do 26 de xullo, os
partidos e os seus candidatos. A idea, sinalan fontes do centro
tecnolóxico, é por o coñecemento inxente e as súas posibilidades
ao alcance de todo o mundo. E facelo a través de alto tan próximo e
común estes días como é darmos conta do desenvolvemento dos
comicios. Para axudar neste punto, os
diarios da Editorial Prensa Ibérica (como as cabeceiras de Faro
de Vigo e La Opinión de A Coruña en Galicia, La Nueva España en
Asturias, ou o Diario Levante en Valencia), entre outras cabeceiras
de todo o ámbito estatal, decidiron utilizar a ferramenta para a súa
cobertura diaria das eleccións.
A tecnoloxía de
Gradiant, nun plano máis concreto, permítenos valorar de xeito
paralelo as reaccións dos cidadáns en Twitter e as enquisas de
intención de voto ou de clima electoral no mundo real. Desta
maneira, malia que a ferramenta non é aínda de utilidade para a
pescuda da intención de voto de maneira “estatisticamente
confiábel”, si que resulta unha ferramenta válida para saber que
candidatos ou partidos provocan máis reaccións na segunda rede
social máis empregada polos cidadáns españois, explica Gradiant,
que salienta cousas como os interesantes resultados que achegan as
comparacións das enquisas de popularidade de valoración dos
candidatos co número de mencións e historias xeradas por eles en
Twitter (os seus puntos de coincidencia e onde se afastan).
Segundo engaden os
investigadores do centro tecnolóxico, grazas ás
tecnoloxías de procesado da linguaxe natural Glik desenvolvidas en
Gradiant, só se precisan dous minutos ao día para absorber o
equivalente a 75 titulares (14 portadas de xornal), xerados a partir
de máis de 950.000 artigos publicados en Twitter cada día, e
procesados diariamente, sobre os catro candidatos principais á
presidencia, e sobre os partidos que se presentan aos comicios xerais
(61 formacións diferentes, en toda España).
Acerca do seu
funcionamento, Glik é quen de ler por nós centos de milleiros de
artigos e céntrase nos máis populares, xuntando todos aqueles que
traten do mesmo nun conxunto ao que se vén chamando “historia”.
Estas “historias” son grupos de artigos escritos por distintas
persoas sobre un mesmo asunto e o seu principal beneficio, explica o
centro tecnolóxico galego, é que “nos ceiba de ter que lermos
milleiros de artigos semellantes que non achegan nova información”.
Por ese motivo, ler as 75 historias que aparecen neste monitor
electoral ten o mesmo valor informativo que se leramos máis de
100.000 chíos do Twitter, “pero co esforzo de lectura de tan só
unha fracción destes”, salienta Gradiant, que tamén destaca o
feito de que os algoritmos de Glik traballen en tempo real, “polo
que podemos actualizar toda esta información de continuo”. Dito
doutra maneira: sempre estaremos ao fío da actualidade con esta
funcionalidade de Glik (a de facer seguimento da conversa social,
unha entidade viva por natureza).
Por certo que forma na
que Glik escolle as historias máis relevantes é absolutamente
imparcial, non hai intervención humana máis aló de marcar o
contexto sobre o que se quere traballar.