Gradiant participa no evento internacional CARTES e estrea web sobre biometría

mércores, 18 de novembro do 2015 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant está a participar estes días como expositor en CARTES Secure Connexions 2015, evento mundial para o sector da seguridade dixital adicado ás solucións seguras de pagos, identificación e mobilidade. O encontro, informan fontes de Gradiant, desenvólvese en Villepinte (Paris Nord) até este xoves 19 de novembro, e nel dánse cita (unha vez máis) as compañías máis referenciais do mundo “en materia de biometría, integradores de sistemas e provedores de solucións de identificación e autenticación”. A participación na xuntanza tecnolóxica do centro tecnolóxico galego insírese ao abeiro da aposta pola internacionalización do seu cartafol tecnolóxico, “en beneficio da industria galega”.
Ao fío do devandito, Gradiant lembra que ten en carteira “solucións robustas de recoñecemento facial con detección de vida, de recoñecemento de sinatura manuscrita e tamén de recoñecemento de locutor, todas elas operativas en dispositivos móbiles como smartphones e tabletas, e facilmente integrábeis en solucións e produtos de terceiros”.
Co gallo da cita parisina, o centro tecnolóxico vigués habilitou un microsite que pode visitarse en biometricsbygradiant.com, e do que se poden descargar as demostracións plenamente operativas das súas solucións seguras e integrábeis de recoñecemento biométrico. O sitio web estrea tamén unha evolución da linguaxe visual do centro, elaborada en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que Gradiant irá estendendo de maneira progresiva ás súas restantes liñas de traballo.

PUBLICIDADE