Gradiant organiza dous eventos en Bruxelas sobre IoT no sector primario europeo

xoves, 14 de xaneiro do 2016 Redacción

Gradiant é a día de hoxe un dos grandes referentes europeos en materia de Internet das CousasGradiant vén de informar de dous eventos a celebrar en Bruxelas ámbolos dous organizados polo centro tecnolóxico galego. O primeiro dos eventos, que se desenvolve hoxe e que conta con Gradiant en calidade de moderador, é un panel de alto nivel centrado na adopción de tecnoloxías dixitais no sector agrícola europeo. O panel reúne a representantes do Europarlamento, da Administración británica e do Executivo de Galicia, ademais de representantes dos produtores de maquinaria agrícola e das cooperativas agrarias europeas. A segunda actividade celébrase este venres 15. Trátase dun obradoiro que conta con representantes da Comisión Europea, e a alianza AIOTI (Alianza para a Innovación en Internet das Cousas).
Ademais, na xornada de mañá tamén estarán representadas as principais empresas, agrupacións de produtores e institucións a nivel europeo. Difundiranse as recomendacións preparadas desde a AIOTI de face á posta en marcha de proxectos piloto a gran escala sobre Smart Farming e Food Security.
Respecto do panel de expertos de hoxe, leva por título Accelerating the adoption of Smart Farming in Europe. Como dixemos, Gradiant conseguiu implicar nel a representantes do Parlamento Europeo, da Administración do Reino Unido, a asociación de fabricantes de maquinaria agrícola (CEMA), da asociación europea de produtores e cooperativas agrarias (COPA-COGECA), e de GAIN, a Axencia Galega de Innovación. Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant e chair do WG06 de AIOTI, modera o debate.
O taller do día 15 contará con representantes de AIOTI, Gradiant e Orange. Durante a primeira parte da xornada, a Comisión Europea (DG Connect e DG Agri) dará a coñecer as súas expectativas sobre pilotos a gran escala en Smart Farming & Food Security. AIOTI pola súa banda, difundirá o traballo que se levou a cabo dentro do WG06 (que Gradiant dirixe) durante 2015. O obradoiro pretende incrementar o protagonismo do usuario final no deseño, o despregamento e a aplicación das tecnoloxías IoT (Internet das Cousas). Por tanto, a segunda parte do evento está orientada á demanda: agricultores, cooperativas, fabricantes de maquinaria, industrias alimentarias, loxística, comerciantes polo miúdo e consumidores. Entre outros, participarán representantes de empresas e agrupacións de produtores, ademais de institucións ligadas ao sector. Ao final da xornada haberá un espazo dedicado ao networking e ao intercambio de ideas.

PUBLICIDADE