Gradiant lidera un proxecto para impulsar un modelo integral de coidado de pacientes con feridas crónicas

xoves, 9 de maio do 2024 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), xunto a un consorcio integrado por outras seis entidades, pon en marcha iCareWounds, unha alianza europea para impulsar un modelo integral de coidado de pacientes de feridas crónicas. O obxectivo desta investigación baseada en IA (liderada polo centro tecnolóxico galego e que comeza a súa actividade este mes de maio cunha duración de tres anos) é facilitar o labor dos profesionais sanitarios.
O proxecto, explica Gradiant, “permitirá optimizar os procesos, facilitar ao persoal sanitario a toma de decisión sobre os mellores tratamentos en cada situación, reducir os tempos de curación e o custo en apósitos e outros recursos sanitarios”. Ademais, “facilitará a personalización dos coidados, dotará aos médicos de ferramentas para optimizar a atención, posibilitará a comunicación e colaboración entre niveis asistenciais e a prestación de coidados sen fisuras e evitará a aparición de eventos adversos”.
Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, apunta que “coa activación deste proxecto queremos dar resposta á necesidade de homoxeneizar e xeneralizar os tratamentos acordes ás guías clínicas internacionais e expornos o reto de desenvolver ferramentas que sexan factíbeis de implantar en sistemas sanitarios reais, permitindo maximizar a usabilidade por parte dos sanitario; para iso, partiremos dunha análise inicial dos procesos que se seguen actualmente en distintos hospitais europeos no tratamento de feridas crónicas e integraremos tecnoloxías de IA para a análise das mesmas”.
Pola súa banda, José Manuel Rosendo, investigador do Grupo de Investigación Calidade de Vida e Economía da Saúde “QoLE” do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e supervisor da Unidade de Asesoría en Feridas e de Procesos e Coidados da Área Sanitaria de Pontevedra liderará o estudo clínico multicéntrico que se levará a cabo en tres países (Irlanda, Polonia e España). Xunto a el, a tamén enfermeira Ana García Fernández e o enfermeiro José Antonio Esperón Güímil (membro do comité de dirección do Grupo Nacional para el Estudo y Asesoramiento en Úlceras por Presión y Heridas Crónicas-GNEAUPP), tamén investigadores de “QoLE”).
Ademais, o IISGS coordinará a implicación de diferentes actores e partes interesadas que axuden ao desenvolvemento do proxecto.
Cun financiamento de 1,5 millóns de euros e co-financiado pola Comisión Europea, co apoio de axencias nacionais como o Instituto de Saúde Carlos III, ICAREWOUNDS desenvolverase da man de entidades como o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (España), CyberEthics Lab (Italia), Medical University of Lodz (Polonia), University College Dublin (Irlanda), Lappeenranta-Lahti University of Technology LUT (Finlandia) e Sigoria Security Solutions Ltd (Polonia).

PUBLICIDADE