Gradiant inicia 2012 cun workshop sobre comunicacións de emerxencia

martes, 10 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

No marco do proxecto europeo LIFTGATE para o desenvolvemento, a través do cal a Comisión Europa lle concedeu 2,3 millóns de euros a Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), esta entidade vai celebrar esta semana un importante workshop que reunirá aos principais axentes do país en materia de comunicacións en situacións de emerxencia.
Desta maneira, non faltarán membros da Administración Pública, nin provedores tecnolóxicos, nin usuarios deste tipo de tecnoloxías (como os membros dos servizos de emerxencia) nin, por suposto, investigadores, que se sentarán para debater o presente e futuro das diferentes tecnoloxías para as comunicacións de emerxencia, ben sexa na rutina do día a día como en situacións excepcionais.
O programa destas Xornadas Internacionais de comunicacións de emerxencia inclúe un seminario, a celebrar hoxe mesmo, sobre ciencia forense aplicada á industria do entretemento, dirixido a investigadores de empresas, universidades e centros tecnolóxicos.
Xa na xornada de mañá mércores, 11 de xaneiro, o programa recolle a celebración dun seminario técnico que leva por título, Introdución ás comunicacións de emerxencia, impartido polo profesor Laurent Franck, de Telecom Bretagn. O relatorio será exposto en inglés, e estenderase ata as 17:30 horas, con pausa para café e para xantar.
Esta xornada será inaugurada pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
Para o xoves, día 12, Gradiant ten organizado outro relatorio da man do mesmo convidado, Laurent Franck, que desta volta falará sobre o uso das comunicacións por satélite nas situacións de emerxencia.
Seguidamente, varias empresas e institucións relatarán a súa propia experiencia como provedores, xestores ou usuarios de sistemas TIC para emerxencias, así como as súas experiencias como usuarios finais e a análise dos sistemas actuais fronte ás necesidades futuras. Entre os convidados a este evento destacan nomes como o de Adrián Lence, Subdirector Xeral de Infraestructuras e Telecomunicacións da Xunta de Galicia; Luis Ángel Camarero, de Telefónica; Antonio Ratón Lacárcel, Responsable de aplicacións e servizos interactivos TV; Alexandre Bastos, socio director e CTO de iQUBE Research; Manuel Esmorís López, Director de negocio ferroviario, Arteixo Telecom ou Xesús M. López Álvarez, xefe do Servizo de Tecnoloxía e Sistemas da Información da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia.
O evento finalizará cunha mesa redonda, logo de que Gradiant dea a coñecer as súas capacidades e oferta tecnolóxica para este ano en materia de comunicacións de emerxencia.
O evento é aberto e de balde para tódalas persoas interesadas, previo rexistro en liftgate@gradiant.org.

PUBLICIDADE