Gradiant fortalece a súa estratexia de captación de fondos europeos H2020

xoves, 23 de xullo do 2015 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant ampliou a súa Oficina de Proxectos Europeos (OPE) coa incorporación da xestora de Proxectos Europeos Alicia Jiménez, no camiño de reforzar ao máximo a súa aposta pola captación de investimento e apoios a proxectos innovadores en alianza coas nosas empresas. En palabras da dirección do centro, o medre da OPE “é un paso máis na aplicación do Plan Estratéxico de Gradiant, enfocado na orientación ao mercado, a excelencia e á internacionalización”. En definitiva e nun plano máis específico, a ampliación sérvelle para reafirmar a súa vocación de seguir incorporando empresas de Galicia a consorcios internacionais na contorna do programa H2020.
Segundo lembra Gradiant, “no breve prazo de actividade deste programa europeo, Gradiant xa conseguiu asegurar a súa participación en dúas iniciativas da dita contorna, Witdom e SEERS”, dúas liñas de traballo ás que cómpre engadir a excelente traxectoria do centro tecnolóxico galego durante FP7, un período no que participou en sete proxectos innovadores máis.

Perfil profesional
Alicia Jiménez González naceu en Plasencia (Cáceres) en 1984. Rematou a carreira en xullo de 2009 como Enxeñeira de Telecomunicacións na especialidade de Radiación e Comunicación na Escola Técnica Superior de Sevilla, despois de presentar o proxecto fin de carreira na Universidade Politécnica de Lodz. En Novembro de 2009 consegue a bolsa ICARO da Universidade de Sevilla para entrar a formar parte da empresa LCC Wireless Communications como enxeñeira para desempeñar tarefas relacionadas co deseño das redes de comunicación de Orange. Posteriormente obtivo o título de experta en xestión de proxectos internacionais de I+D+i pola Universidade Internacional de Andalucía en febreiro de 2011. Este mestrado serviulle para iniciar a súa carreira profesional na empresa Adevice Solutions S.L na preparación de propostas e seguimento de proxectos de I+D+i.
Á finalización do mestrado, Alicia é contratada pola empresa Wellness Telecom S.L dentro do departamento de Factoría de Innovación como xefe de proxectos de I+D+i, onde desempeña actividades de vixilancia tecnolóxica, preparación de propostas e xestión de proxectos tanto nacionais coma internacionais na área das TIC, especialmente centrado nas cidades intelixentes, destacando o proxecto EPLACE (CIP) onde actúa como coordinadora. É durante a súa estanza en Wellness cando Alicia participa como experto revisor da Comisión Europea na primeira convocatoria de ICT do H2020.
En xullo de 2015 entra a formar parte de Gradiant como xestora de Proxectos Europeos co fin de aumentar a visibilidade das actividades do centro no ámbito da investigación Europea.

PUBLICIDADE