Gradiant foi alén dos 18 millóns de euros en vendas de innovación

luns, 27 de febreiro do 2017 Redacción

Luis Perez Freire, director xeral de Gradiant, e Jorge Munir El Malek Vazquez, director da area de Comunicacións Avanzadas de Gradiant durante a presentación

O Centro Tecnolóxico Gradiant presentou hoxe as súas cifras de facturación. Na convocatoria cos medios de prensa, na que tamén se presentou a máis recente tecnoloxía desenvolvida no centro galego, LifeSensor, fíxose fincapé en que Gradiant foi quen de superar os 18 millóns de euros en vendas de innovación a un total de 161 empresas. Máis polo miúdo, acadou en 2016 os 18,6 millóns de euros en vendas de innovación, logo de oito anos de actividade. Desta cantidade xerada, o 55% concentrouse en empresas privadas, con clientes e socios en dúas ducias de países. Na cita de hoxe tamén se fixo saber que en 2016 obtivo unha marca de ingresos procedente do estranxeiro, cun 21% da súa facturación.
Por outra banda, informouse de Estados Unidos e Reino Unido foron os principais mercados internacionais, e de que unha firma especializada en seguridade e saúde do segundo dos devanditos países vén de iniciar os ensaios do Sensor de Vida, LifeSensor, unha das últimas innovacións de Gradiant, que permite previr e evitar o falecemento de persoas en lugares pechados.
Gradiant fixo saber que o proxecto LifeSensor comezou en 2017 a súa fase de probas en celas de custodia policial. En termos máis concretos, posibilita o seguimento do ritmo respiratorio e movemento do paciente “de maneira non invasiva”, optimizando a vixilancia a partir dun sistema radar que detecta a existencia ou ausencia de respiración.
O Centro Tecnolóxico engadiu no acto, no que participaron Luis Pérez Freire (director xeral de Gradiant) e Jorge Munir El Malek Vázquez (director de Comunicacións Avanzadas de Gradiant) que o dispositivo LifeSesor dispón de alarmas en tempo real para avisar de “calquera interrupción significativa” da respiración e coñecer en todo intre o estado dun paciente que teña dificultades para ser controlado con sensores. “O Sensor de Vida”, explicaron, “está especialmente pensado para o control de persoas en situación de vulnerabilidade, como os pacientes de hospitais psiquiátricos e xeriátricos, aínda que tamén permite controlar outros procesos como, por exemplo, a apnea do sono”.
Tamén engadiron que a tecnoloxía de radiofrecuencia empregada dispón dun alcance de detección de até seis metros, “mesmo a través de materiais como roupa ou sabas, pero tamén madeira, pedra ou cemento”. Por último, lembraron que ten capacidade para ser carrexado por drons, “ampliándose as súas prestacións cara a outras áreas como a procura e rescate de sobreviventes en catástrofes naturais”.
249 proxectos
Na convocatoria de hoxe informouse tamén de que durante o últimos oito anos, Gradiant desenvolveu 249 proxectos diferentes de I+D+i, converténdose “nun dos principais motores da innovación en Galicia”. Asemade, engadiuse que a tecnoloxía do Centro Tecnolóxico galego é empregada xa en “ámbitos tan diversos como na aplicación móbil de banca en liña dun dos maiores bancos de España” ou no da ciberseguridade, coa recente venda do seu sistema de rastrexabilidade de documentos a Eleven Paths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica.

PUBLICIDADE