Gradiant fai reconto dun ano, 2012, especialmente intenso en proxectos

venres, 1 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Na nosa terra, malia a crise, faise investigación arredor das novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións, e investigación da boa. Quen teña dúbida sobre isto, que vexa o día a día dos profesionais das nosas empresas, universidades e centros de I+D, algúns destes na vangarda europea no que se refire á busca e afianzamento de todo aquilo que nos vai acompañar no futuro, facéndoo máis conectado, eficiente e accesíbel. O centro Gradiant, en Vigo, é un bo exemplo disto: unha fonte inesgotábel de I+D e, en consecuencia, de potencialidade de desenvolvemento empresarial galego. En palabras do seu principal responsábel, Fernando Pérez, Gradiant acubillou os últimos anos un “vertixinoso proceso de crecemento”. Agora, sinala, é hora de planificar a actividade do centro con vistas a 2016.
Vai haber, a curto prazo, cambios importantes, sobre todo no que refire a capear o temporal económico que se aveciña. A cuestión pasará por posibilitar que o medre continúe, malia a crise. Tendo en conta o acadado en Gradiant, nada indica que non vaia ser posíbel. Para irmos entrando en materia, pode gabarse (e gábase) dun ano (o 2012), especialmente intenso, coa participación en 9 dos 23 proxectos de Innterconecta e tres iniciativas xa no Sétimo Programa Marco da UE.
-Xa que falamos coa mirada posta no futuro, fálenos dos retos de Gradiant para este ano que comeza, 2013. Máis contactos coa industria? Máis aposta por investigadoras e investigadores galegos?
- FERNANDO PÉREZ: Logo de cinco anos de vertixinoso crecemento desde a creación de Gradiant en decembro de 2007, e acadados os retos que nos fixamos para este período, mesmo malia a crise, é hora de consolidar a nosa posición e planificar o Gradiant dos vindeiros anos. Durante este primeiro semestre elaboraremos un novo plan estratéxico que deberá trazar as liñas mestras do centro até 2016. Amais, vai ser un ano de cambios importantes: acometeremos reformas na estrutura operativa para afrontar con garantías os anos vindeiros, nos que se presume que a conxuntura seguirá sendo desfavorable. Por suposto, seguiremos apostando por aumentar a cooperación coas empresas e polos proxectos europeos, preparando o novo Horizonte 2020.
-Se tivera que facer un diagnóstico, cal é, ao seu xuízo, o estado de saúde do centro de I+D que vostede dirixe?
-Gradiant goza dun magnífico estado de saúde, tanto no plano financeiro coma no nivel de actividade. Conseguimos -nun tempo récord- ser o cuarto centro tecnolóxico galego recoñecido polo Ministerio, en boa medida por ser fieis aos nosos principios fundacionais de contribuír ao crecemento e mellora da competitividade na industria mediante o logro da excelencia. Aínda que sempre hai aspectos mellorables, o noso esforzo por estar en Europa xa se viu recompensado con tres proxectos do Sétimo Programa Marco, e cada vez cóntase máis con Gradiant en diversos foros internacionais. Asemade, a solvencia tecnolóxica que achega o feito de que un 20% do noso persoal estea composto por doutores en Enxeñaría e Física, convértenos nun valioso instrumento de xeración de coñecemento orientado ao mercado.
-Fáganos un rápido balance dos fitos e achados do ano que vimos de deixar atrás, en materia de Investigación e Desenvolvemento xerado ou apoiado de Gradiant? Que é aquilo que non podemos deixar de salientar?
-O ano 2012 foi para Gradiant un ano moi intenso. Na convocatoria Innterconecta resolta en 2012 participamos en 9 dos 23 proxectos concedidos, con arredor de 30 empresas diferentes. Tamén logramos o noso terceiro proxecto do Sétimo Programa Marco, e finalizamos a incorporación dos 6 doutores chegados de fóra de España (financiados polo proxecto europeo Liftgate), que ampliaron considerablemente o abano de competencias do centro. Tamén chegamos a acordos para a comercialización de varios dos resultados xerados a partir de proxectos internos do centro, cos que estamos moi satisfeitos, porque amosan a viabilidade do noso modelo, que incide na xeración de propiedade intelectual e a súa valorización.
-Gradiant é unha peza clave na I+D europea, polo menos así se entende que se acadase outro proxecto europeo de gran relevancia...
-O principal obxectivo do proxectoBATS é o deseño dunha arquitectura de rede de telecomunicacións de banda ancha para zonas remotas ou sen cobertura, no que se propón unha tecnoloxía que combina as redes terrestres (fibra, fío ou radio), con satélites de nova xeración, capaces de transmitir a unha velocidade agregada na orde dos Terabits por segundo. O usuario disporá dunha pasarela integrada que, de xeito transparente e segundo parámetros de dispoñibilidade, velocidade ou custo por bit, decidirá a que rede se debe conectar en cada intre. O obxectivo está en consonancia coa Axenda Dixital Europea, que establece un ancho de banda mínimo para todos os usuarios en 2020 de 30 Megabits por segundo. Na miña opinión, o maior reto tecnolóxico do proxecto é ser quen de deseñar novas técnicas de comunicacións por satélite que reduzan os actualmente elevados custos por bit. No proxecto participan algúns socios de referencia a nivel europeo, como o Centro de Investigación Aeroespacial Alemán (DLR), Thales Alenia Space ou EADS Astrium. Pero, ademais, outras dúas empresas galegas -R e Optare Solutions- participan no proxecto, que incluirá un demostrador na nosa rexión.
-Unha cousa que diferencia a Gradiant doutros centros tecnolóxicos é que non só se fai investigación, senón que se deseñan produtos para saír ao mercado. O investimento en desenvolvementos propios deu lugar a algún produto novo durante 2012?
- Eu salientaría dous: TravelMovie e SafeGDocs. TravelMovie é unha solución de vídeo baixo demanda empregando un protocolo multicast que temos patentado e desenvolvemos da man da empresa Europublic. TravelMovie está encamiñado ao sector do transporte público, incluíndo aeroportos. En canto a SafeGDocs, trátase dunha aposta conxunta co fondo en investimento en ciencia da Fundación Barrié. SafeGDocs constitúe unha solución moi efectiva para a edición de documentos na nube empregando o popular Google Drive, coa interesante característica de que a versión gardada nos servidores de Google está cifrada de maneira automática, de xeito que se garante a privacidade, se cadra a maior preocupación para todos os que empregamos Drive. A Fundación Barrié está a axudarnos coa comercialización a través da empresa Isis Innovation, propiedade da Universidade de Oxford.
- Algún proxecto máis a salientar?
-Un proxecto do que nos sentimos particularmente orgullosos, pola excelente sintonía que temos coa empresa Centum (coa que ademais compartimos edificio), é SBTS, inicialmente cofinanciado polo MINECO e que deu lugar a un produto denominado LifeSeeker. LifeSeeker é un sistema de procura de persoas empregando unha plataforma embarcada en avións non tripulados, con capacidades de radiolocalización e comunicación. A principal aplicación deste sistema é a localización rápida e de maneira autónoma de persoas desaparecidas en zonas de alta montaña, de difícil acceso ou arrasadas por catástrofes. As primeiras probas de funcionamento realizáronse en decembro nun aeródromo de Zaragoza. Coido que é un excelente exemplo de cooperación entre empresa e centro tecnolóxico, onde cada entidade achega as súas mellores capacidades e o resultado é un produto de alta tecnoloxía e moi competitivo.
- A nivel de I+D autonómica e impulso produtivo e científico, que vos gustaría conseguir dende Gradiant?
- Durante 2012, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha un modelo de financiamento competitivo para os centros tecnolóxicos, que adopta un formato de contrato-programa. En Gradiant aplaudimos este modelo porque establece unha serie de criterios para o financiamento que priman aspectos desexables como a intensidade da transferencia de resultados á industria, a valorización do coñecemento ou a consecución de fondos externos. Aínda que este financiamento supón unha pequena parte do orzamento de Gradiant, é esencial para poder seguir realizando apostas pola xeración de coñecemento con prazos máis longos para o retorno do investimento que garantan que o centro sempre vai por diante, e non a remolque, das demandas empresariais. Por outra banda -e en relación coa I+D autonómica- coincidimos en que son tempos para facer fincapé na innovación; iniciativas como a demanda temperá de tecnoloxía por parte da administración pode ser o tractor que precisa o sector TIC neste intre. Emporiso, para ser efectiva, é importante que a administración esixa e verifique que a tecnoloxía demandada se desenvolva aquí porque, pola contra, o valor engadido para Galicia sería exiguo. Nese terreo de xogo, os centros tecnolóxicos e as universidades temos moito que achegar.

PUBLICIDADE