Gradiant fai reconto de éxitos: 40 proxectos en curso e 2,5 millóns de euros captados

venres, 8 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Gradiant está a facer reconto dos froitos de desenvolvemento acadados ao longo do seu ano e medio de vida. Segundo informan fontes deste centro de investigación tecnolóxico con emprazamento en Vigo, 2009 supuxo un pulo importante para iniciativas previas e achegou un número máis que salientable de proxectos novos, unha boa parte deles (se non todos) incluídos na liña de aquilo que se coñece como innovación. É dicir: aquilo no que non traballa ninguén máis. Deste xeito, o centro foi quen de pór en marcha dende as súas orixes máis de 40 proxectos de I+D, dos que unha boa parte (80%) contaron para a súa realización co apoio das empresas (máis de 30). Asemade, acadouse unha facturación directa por I+D a empresas superior ao medio millón de euros e unha cifra de captación de fondos próxima aos 2,5 millóns de euros.
O orzamento para 2010, engade este centro orientado a crear coñecemento de valor no eido das novas canles dixitais, acada os tres millóns de euros.
Así definen dende Gradiant as razóns do éxito de hoxe: “Aínda que 2008 foi o ano da posta en marcha, dende un primeiro intre viuse que era preciso un forte ritmo para poder competir, o que fixo que o exercicio rematase con preto de 1 millón de euros captados e un convenio plurianual asinado coa Consellería de Industria e que garante o sostemento estrutural do centro”. Con todo, foi o ano que vimos de deixar atrás o que lanzou máis sinais de aviso da boa saúde do centro.
Estes son algúns dos froitos acadados:
· Catro patentes en proceso de concesión, tres delas internacionais.
· Máis de 40 proxectos de I+D en curso, a maioría dos cales postos en marcha con empresas.
· Unha cifra de captación de fondos próxima aos 2,5 millóns de euros.
Outra das claves do éxito, sinalan os responsables deste complexo de investigación, radica no bo traballo de diálogo e colaboración coas empresas TIC galegas. “O caso máis salientable”, sinalan, “foi a presentación do proxecto Wi-move perante o CDTI do Ministerio de Industria, cun orzamento total de 3,2 millóns de euros, no que Gradiant actuou como promotor e no que se van investigar e desenvolver tecnoloxías radio que constituirán a base da futura xeración de comunicacións móbiles, coñecida como 4G”.

PUBLICIDADE