Gradiant explica os retos de Videoguard, o sistema intelixente para loitar contra o furtivismo

xoves, 6 de febreiro do 2014 Redacción

Barcos de vixilancia da Consellería de Pesca/ Imaxe: EFE

As novas tecnoloxías ábrense camiño na nosa terra cara a funcionalidades que apenas eramos quen de sospeitar cando comezou a afianzarse a Sociedade do Coñecemento. Ou sexa, non hai moito tempo. Un exemplo claro de como a tecnoloxía é quen de entremesturarse co noso, rachando os límites que impuñan os computadores, é o desenvolvemento de Videoguard. Este proxecto, do que falamos polo miúdo con motivo da súa presentación en Vilagarcía, implica un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e o marisqueo furtivos. A súa novidade tamén radica nas múltiples mans que entran en xogo para facer o sistema unha realidade: Coremain, Bastet, TRC e Retegal. Asemade, tamén participan arreo os investigadores de Gradiant.
Segundo informa este centro tecnolóxico emprazado no campus de Vigo, durante o primeiro semestre do ano arrancará en dous concellos costeiros do litoral galego a proba piloto do proxecto Videoguard. O período de experimentación estenderase até finais de ano e servirá para que a Administración autonómica valore a viabilidade de implantar o sistema en toda a costa galega, tirando proveito das infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Videoguard, segundo nos conta Gradiant, conta cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.
Polo que atinxe ao papel despregado polo devandito centro tecnolóxico, dicir que este “porá a disposición do proxecto toda a súa experiencia e avances en canto á análise intelixente de vídeo, que xa permitiu grandes avances en eidos como a monitorización do tráfico, a seguridade perimetral, ou o cálculo de aforamentos”. Lembrar que o centro galego está a desenvolver na actualidade novos algoritmos de detección, clasificación e tracking de obxectos que teñen gran potencial de aplicación en espazos costeiros. Iso si, con algún que outro proceso de adaptación a un medio tan particular coma o costeiro e a unhas condicións tan específicas como aquelas que adoitan acompañar o marisqueo ou a pesca ilegal. Segundo informa Raquel Dosil, investigadora de Gradiant que está a traballar no desenvolvemento de Videoguard, “de xeito habitual o furtivismo aproveita a noite, ou as condicións de baixa visibilidade, por iso estes algoritmos terán que basearse no uso de imaxe infravermella térmica”. Estamos polo tanto ante un reto de gran complexidade e unha serie de atrancos importantes que salvar, engade o centro facendo referencia á contorna natural de continuo cambiante da nosa costa e máis a elementos como a baixa resolución que ofrecen aínda as cámaras térmicas.
A plataforma de Videoguard está deseñada para ser utilizada tanto en distancias curtas, con estacións de videovixilancia situadas a menos de 500 metros das embarcacións ou persoas nas que se queira facer seguimento, como a longa distancia, podendo controlar espazos situados entre 5 e 10 quilómetros do litoral.

PUBLICIDADE