Gradiant e a UVigo amosan na conferencia British Machine Vision os seus achados en análise facial

venres, 27 de setembro do 2013 Redacción

Asistentes e participantes na conferencia/ Imaxe de Osian Haines extraída de Flickr

A prestixiosa xuntanza de índole científica e divulgadora British Machine Vision Conference reflectiu estes días o traballo despregado polos nosos investigadores. Máis polo miúdo, o traballo conxunto dos profesionais do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo, dous equipos que amais de compartir interese común na análise facial dentro da disciplina da visión por computador, teñen colaborado ombro con ombro en proxectos e labores de divulgación. Froito disto é o artigo publicado na dita conferencia británica.
Este artigo, escrito por Enrique Sánchez Lozano (estudante de doutoramento do GTM, primeiro autor e relator do artigo), Enrique Argones Rúa (investigador de Gradiant) e José Luís Alba Castro (profesor de Universidade pertencente ao GTM), ten por título Blockwise Linear Regression for Face Alignment. Nel, informa Gradiant, exponse un método mediante o cal se mellora consistentemente a precisión dos métodos para localizar puntos de interese no rostro das persoas, “que é a primeira e probablemente máis crítica fase na análise facial”, explica o centro galego. E engade: “Os avances neste sentido teñen unha importancia crucial no desenvolvemento de todo o proceso”. Os achados presentados polos investigadores de Gradiant e a UVigo reformulan ademais os métodos de localización de puntos de interese facial baseados en regresión lineal, o que permite unha meirande robustez grazas á eliminación do ruído. O sistema emprega só a información máis fiábel para realizar a localización. “Ademais”, engade Gradiant, “o método consegue reducir a complexidade da localización, o que permite reducir de xeito considerábel o número de operacións matemáticas precisas e o tempo empregado para dar cos puntos de interese”. Para o centro galego de I+D, os avances amosado nesta publicación son un “bo exemplo dos beneficios que se obteñen cando se combinan os esforzos e coñecementos dun centro tecnolóxico como Gradiant e a Universidade, na contorna dun mundo empresarial extremadamente competitivo, no que cada vez máis, a innovación revélase clave para acadar o éxito”.

PUBLICIDADE