Gradiant e Campus Terra presentan en Europa o seu proxecto común de innovación para o agro galego

venres, 9 de xuño do 2017 Redacción

Alfonso Ribas, Luis Pérez Freire e Ismael Martínez na presentación da iniciativa galega en Irlanda

O Polo de Innovación Dixital para o agro galego impulsado por Gradiant e a USC, do que xa temos falado en Código Cero con motivo dos seus desafíos e obxectivos (achegar recursos e solucións que favorezan a futura sustentabilidade e rendibilidade do noso eido agroalimentario), vense de presentar en Europa perante centros de investigación, persoeiros públicos e investidores dunha manchea de países. Na cita participaron representantes do Centro Tecnolóxico Gradiant, emprazado en Vigo, da Universidade de Santiago e da Xunta. A presentación levouse a cabo no marco do seminario Polos de innovación dixital: principais correntes na dixitalización da agricultura, organizado polo Partenariado Europeo para a Innovación da Produtividade Agrícola e a Sustentabilidade (EIP-AGRI, polas súas siglas en inglés). Segundo fixeron saber os seus impulsores, o Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario constitúe unha proposta nova e pioneira que integra produtores agrícolas con vontade de transformación, por unha banda, e provedores tecnolóxicos e centros de coñecemento e innovación, pola outra.

O comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan

Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, e Alfonso Ribas, en representación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; acompañados de Ismael Martínez da Cooperativa CLUN, presentaron as actividades realizadas até o de agora no marco do Polo de Innovación Dixital, así coma os vindeiros pasos que se darán para, nas súas palabras, “impulsar a dixitalización do sector”. En palabras de Pérez Freire, “o feito de que desde a Comisión Europea invitasen á iniciativa galega como exemplo de boas prácticas no tocante á colaboración público-privada supón un recoñecemento ao bo traballo que se vén realizando”, e unha “proxección internacional” de Galicia como pioneira no eido da innovación aplicada ao rural.
O evento, que se celebrou na cidade irlandesa de Kilkenny o 1 e 2 de xuño, reuniu aos responsábeis de políticas públicas, representantes de centros tecnolóxicos e de investigación, representantes do sector agroalimentario e investidores dos 24 estados membro da Unión Europea; e tivo ademais coma principal obxectivo compartir experiencias, boas prácticas, barreiras e prioridades á hora de establecer hubs dixitais de innovación para o sector agroalimentario en Europa.

Luis Pérez Freire amosando os resultados do polo de innovación dixital perante os investigadores europeos

Louvanzas ao proxecto galego
Segundo fixeron saber os seus impulsores (Gradiant, USC e Xunta) o Polo de Innovación Dixital para o sector agroalimentario de Galicia recibiu unha chea de eloxios por parte do persoal da Comisión Europea, responsábeis de políticas públicas dos Estados Membro e de centros de investigación europeos. Ademais, a presenza de Galicia como relatora convidada nesta sesión da EIP-AGRI “representa o recoñecemento internacional á estratexia de innovación no sector agrario impulsada desde o Goberno galego”, indicou Alfonso Ribas, que fixo fincapé na boa acollida da proposta da nosa terra e no seu carácter de referente. A proposta, de feito, recibiu unha mención expresa por parte do comisario europeo para Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, quen no seu discurso de clausura felicitou a Galicia e a Toscana (Italia) polos traballos desenvolvidos neste ámbito da innovación aplicada ao rural.

PUBLICIDADE