Gradiant crea unha ferramenta para desenvolver aplicacións de Realidade Aumentada

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant vén de desenvolver unha ferramenta que permite a creación de aplicacións de realidade virtual “de forma rápida e sinxela”, e sen necesidade de coñecementos de programación nin formación previa. A idea dos responsábeis deste desenvolvemento consistiu polo tanto en democratizar a posibilidade de crear recursos de Realidade Aumentada, un eido de traballo que existe dende hai anos pero que polas razóns que sexan esixía moita formación e experiencia amoreada para os usuarios e desenvolvedores acabados de chegar. Conclusión: moitos destes ficaban fóra deste ámbito.
Agora, os enxeñeiros de Gradiant veñen de mudar o panorama reinante coa súa Ferramenta de Autoría de Realidade Aumentada (HARA). Grazas a ela, informan, xa é posíbel materializar solucións preparadas para o mercado “sen ter coñecementos de ferramentas complicadas”, permitindo HARA crear aplicacións de Realidade Aumentada sen ter que escribir nin unha soa liña de código. As súas aplicacións poden ir desde a formación de traballadores até o lecer propiamente dito, pasando pola educación ou a mercadotecnia. “Con esta ferramenta”, explican fontes de Gradiant, “pódense crear aplicacións para smartphones, tablets e nun futuro tamén para os denominados dispositivos wearables, como as futuras lentes ou reloxos intelixentes”. Informar tamén que na actualidade os resultados de HARA están a proba con varias aplicacións, como Tattoo Media, que permite enriquecer os contidos das tatuaxes convencionais con vídeo, audio, ligazóns web ou fotografías.

PUBLICIDADE