Gradiant convírtese nun referente en materia de I+D+i

luns, 7 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Centro Tecnolóxico Gradiant, considerado xa coma o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia e punto de referencia para as empresas e Universidades do noso país, vén de presentar os resultados do ano 2010 en materia de I+D+i, un eido no que centra os seus maiores esforzos e no que colabora dende hai uns anos coa Xunta de Galicia.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que participou na presentación de resultados do ano 2010 de Gradiant como presidente do patronato e Consellería de Economía e Industria, calificou ao Centro Gradiant como un “cómplice” da estratexia da Xunta no cambio de paradigma que o novo Plan de Investigación, Innovación e Cremento, vai instaurar no Sistema Galego de I+D+i para “profundizar na conexión entre os centros de coñecemento e as empresas e para xerar riqueza económica da man de investigación e da innovación”.
A estratexia seguida por Gradiant baséase en apostar pola posta en valor do coñecemento xerado pola I+D+i como única vía para crear emprego cualificado estable, e como motor para estimular o crecemento económico e social de Galicia, algo que espertou o interese da Xunta e que levou á entidade pública a solicitar a súa colaboración para impulsar a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico.
Guerra definiu Gradiant como unha “combinación do mellor do mundo universitario e do mundo empresarial nun clima de innovación aberta, no que prima a colaboración coa empresa para incrementar a súa participación en proxectos a nivel nacional e europeo”, o que fai deste centro, engadiu, “un exemplo dos obxectivos que persegue o novo Plan de Investigación, Innovación e Crecemento”.
A conexión de Gradiant co mundo empresarial permitiu que este centro reducira a súa dependencia de financiamento directo da Xunta a menos dun 30 por cento, creara máis de 50 empregos de alta cualificación, colaborara con máis de medio cento de empresas e duplicara a súa facturación en proxectos de I+D+i directamente relacionados co tecido produtivo do noso país.
Asemade, en palabras do conselleiro, “Gradiant é un exemplo tanxible do traballo ben feito na consecución de fondos procedentes do exterior” (referíndose ao recoñecemento internacional que obtivo co seu primeiro proxecto europeo, Proxecto Signed, co que obtivo o recoñecemento do Centro para o Desenvolvemento tecnolóxico Industria) “ademais de ser o centro con maior actividade en proxectos do Fondo tecnolóxico”, engadiu.
A Xunta xa leva tempo traballando na conexión da investigación e a innovación co tecido produtivo galego da man de Gradiant, e agora vén de poñer en marcha a pioneira Rede Xestores de Innovación, Xiga, que permitiu a incorporación de medio cento de expertos apoiados pola Xunta en outras tantas empresas, “co obxectivo de capacitar ao tecido produtivo para convertelo no promotor do aumento da súa competitividade a través de recursos propios dan man da investigación e a innovación”, concluíu Guerra.

PUBLICIDADE