Gradiant comeza a perfilar o programa da súa xuntanza sobre eSaúde do día 24

martes, 7 de xaneiro do 2014 Redacción

Como avanzamos os días pasados, as olladas dos principais desenvolvedores de recursos tecnolóxicos dirixidos aos ámbitos da medicina e a asistencia, van estar dirixidas á nosa terra o vindeiro 24 de xaneiro. O culpábel disto será o centro galego Gradiant, que vai celebrar ese día unha Xornada de Transferencia Tecnolóxica sobre eSaúde, na sede de CITEXVI a partir das 9.00 horas. O evento contará con representantes da Comisión Europea, das distintas administracións implicadas, das principais empresas do ámbito TIC aplicado á saúde do Estado e dos principais centros hospitalarios de Galicia e de España.
Amais disto, durante a xuntanza, profesionais de Gradiant (centro de investigación emprazado en Vigo e centrado en boa medida nas telecomunicacións e na transferencia tecnolóxica) amosarán as capacidades dos seus últimos proxectos de investigación, e tamén explicarán como e en que medida as tecnoloxías da información poden contribuír ao eido da saúde. Entre os profesionais de Gradiant presentes na xornada estarán Helena Fernández, directora técnica da Área de eSaúde, e Fernando Jiménez, director xerente do centro, que será o encargado de abrir oficialmente a actividade. A continuación será a quenda de Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que falará de O reto do envellecemento activo no marco da RIS3. Máis tarde, intervirá Sonia Martínez Arca, directora xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública da Xunta, xirando o seu relatorio arredor de Os vindeiros retos da innovación sanitaria. A seguinte relatora en intervir será Francisca García, representante de eSaúde da Comisión Europea, baixo o seguinte epígrafe: Oportunidades de financiamento europeo á investigación e á innovación en saúde.
Amais destes representantes das nosas administracións, un importante panel de expertos provenientes da industria e do sector socio-sanitario debaterán sobre o futuro da I+D+i no devandito ámbito, ademais de sobre o papel dos centros de investigación para apoiar ás empresas no logro dos seus obxectivos. Segundo informa Gradiant, participarán expertos de empresas tan recoñecidas como IBM, Indra, Coremain, Everis e Sivsa, entre outras compañías aínda por confirmar. Tamén intervirán especialistas procedentes das fundacións IDIS, Novoa Santos ou a Fundación Biomédica CHUVI.
A xornada propíciase en parte pola ampla experiencia de Gradiant neste eido das novas tecnoloxías aplicadas á medicina ou ao sanitario, e en parte tamén polas importantes posibilidades de medre e busca de novos mercados que se abren para as nosas empresas centradas en cuestións como a teleasistencia ou o desenvolvemento de tecnoloxías e dispositivos que contribúan a mellorar a nosa calidade de vida. De feito, segundo nos lembran dende Gradiant, a Comisión Europea ten advertido en repetidas ocasións que é precisa unha aposta pola eSaúde para garantir unha asistencia sanitaria de calidade, hoxe e sobre todo de face ao futuro. “Sen ela”, recordan os investigadores do centro galego, “o futuro dos sistemas sanitarios públicos podería verse comprometido, debido entre outros factores ao envellecemento da poboación e ao aumento de pacientes crónicos”. De feito, estas recomendacións están moi presentes no programa que marcará as liñas de acción en I+D en Europa de aquí ao ano 2020.

PUBLICIDADE