Gradiant co-organiza unha xornada sobre as posibilidades empresariais do universo 5G

xoves, 27 de outubro do 2022 S. P.

O vindeiro 24 de novembro de 2022, o Edificio Central do Parque Científico e Tecnolóxico de Gipuzkoa – Donostia vai acoller unha xornada sobre as tecnoloxías 5G e as súas principais aplicacións no ámbito empresarial. A sesión, comezará ás 9.15 horas (até as 14.30), está co-organizada polo centro tecnolóxico galego Gradiant. A cita abéirase ás actividades da Rede de Excelencia Cervera OpenVERSO, estratexia nacional para desenvolver investigación orientada ao mercado, impulsada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
O obxectivo desta xornada é dar a coñecer o impacto que terán as redes de comunicacións móbiles de próxima xeración 5G e futuras nas empresas de diferentes sectores.
Vai dirixida a responsábeis, directores e mandos intermedios de empresas que se expoñan aos beneficios e utilidades que poidan ter as tecnoloxías 5G en cadanseus negocios, ben sexa a través de redes privadas ou públicas. Ademais, resulta de interese para a comunidade de investigación no ámbito das comunicacións sen fíos.
As inscricións xa se poden facer en liña.
Na xornada intervirán, entre outros, Julián Flórez, director xeral de Vicomtech, Alberto Fernández, director de Tecnoloxía e Innovación do Gobierno Vasco, Norberto Ojinaga, director de solucións tecnolóxicas de Más Móvil, e, presentando os resultados e os potenciais impactos de OpenVERSO, Pablo González, xestor tecnolóxico de procesamento de sinal de Gradiant, Jesús Alonso-Zarate, director de investigación e estratexia de innovación de i2CAT e Angel Martín, investigado sénior en medios dixitais en Vicomtech.
Tamén haberá unha mesa redonda sobre o a situación actual e futura das tecnoloxías 5G na industria, entre outras actividades aínda por perfilar de xeito definitivo.

PUBLICIDADE