Gradiant celebra até o venres a súa Virtual DemoWeek

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

Entre este luns (día 9) e o venres 13 de novembro o Centro Tecnolóxico celebra o ciclo de charlas e demostracións Virtual DemoWeek, unha semana de sesións online concibida expresamente para achegar ás empresas os últimos avances tecnolóxicos. Dando continuidade ao Open DemoDay celebrado o pasado 2019, esta semana virtual porá o foco nos últimos avances en ciberseguridade, nas posibilidades do 5G, nos vehículos aéreos non tripulados (UAS), na Industria 4.0 e na Intelixencia Artificial.
Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) será a encargada de inaugurar o programa de actividades desta segunda edición da DemoWeek, que abrangue relatorios sobre as tecnoloxías máis punteiras, demostracións en directo e a presentación dos proxectos gañadores do primeiro hackathon online de Galicia, entre outras cousas.
Ademais, a Virtual DemoWeek contará coa participación especial de Aeromedia e Ledisson, que darán a coñecer cadansúas experiencias co centro tecnolóxico vigués. Aeromedia falará de Generadron, a súa solución para a inspección de aeroxeradores mediante o emprego de drons e, pola súa banda, Ledisson centrarase en IIor, un caso de uso para a mellora da produtividade mediante o seguimento exhaustivo de robots industriais.
“Estes webinars”, explica Gradiant, “supoñen unha gran oportunidade para que os axentes dos principais sectores produtivos do país coñezan da man dos expertos do centro tecnolóxico as súas últimas solucións e os resultados das investigacións máis punteiras do sector. Ademais, os que así o desexen, poderán solicitar reunións B2B personalizadas”.
A Virtual DemoWeek celebrarase como dixemos do 9 ao 13 de novembro, de 12:30 a 13:30 horas. Os interesados poderán inscribirse de forma gratuíta a través da páxina de Gradiant.

PUBLICIDADE