Gradiant celebra a última sesión da Demoweek na compaña da directora de GAIN

venres, 13 de novembro do 2020 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na última sesión da Virtual Demoweek de Gradiant, un evento que amosou as máis recentes contribucións tecnolóxicas desenvolvidos polo centro tecnolóxico vigués ao tecido produtivo. Durante unha semana, preto de 200 persoas de moi diversos sectores (TIC, alimentario, enxeñaría, madeira, drons, enerxías renovábeis, seguridade, infraestruturas, etc.) participaron nas sesións en liña centradas en ámbitos como a ciberseguridade, a conectividade 5G, os vehículos non tripulados (UAV), a Industria 4.0 e a Intelixencia Artificial.
Argerey salientou “o relevante papel de Gradiant no ecosistema galego de innovación, pola súa función de acompañamento ás pemes no ámbito da dixitalización”. Engadiu tamén que “a transición dixital é un dos piares sobre os que se asenta o plan de recuperación europeo e cara a onde se van orientar os novos fondos do instrumento Next Generation EU, para conseguir empresas máis fortes e resilientes, con capacidade para afrontar os retos de futuro e superar e saír reforzadas da crise provocada pola COVID-19”.
Argerey sinalou algúns proxectos nos que Gradiant está á vangarda da tecnoloxía, co apoio da Xunta de Galicia, como por exemplo a Unidade Mixta de Investigación Irmas, no marco da que se ten creado o Centro de Ciberseguridade de Galicia, conxuntamente con Telefónica, e grazas á cal “o centro tecnolóxico lidera actualmente a primeira e única Rede nacional de excelencia en tecnoloxías de seguridade e privacidade de España”.
Tamén enxalzou o alto grao de innovación da spin-off do centro vigués Alice Biometrics, que desenvolveu unha tecnoloxía de verificación de identidade en liña e que vén de pechar unha rolda de investimento de 1,5 millóns de euros que lle permitirá expandirse internacionalmente.
No ámbito dos vehículos aéreos non tripulados, os UAV polas súas siglas en inglés, Argerey destacou a participación de Gradiant no Polo Aeroespacial de Galicia co desenvolvemento de tecnoloxía que permite detectar tráfico aéreo a través de técnicas de visión.
A continuación da intervención da directora de GAIN, desenvolveuse a última sesión da Virtual Demoweek, centrada nesta ocasión na Industria 4.0.
Antía Fernández, codirectora de Sistemas Intelixentes do centro, presentou as solucións tecnolóxicas de conectividade, intelixencia e seguridade desenvolvidas por Gradiant para sectores como a alimentación, a automoción, a saúde ou a banca.
Pola súa parte, Daniel García, responsábel de industria de Gradiant, fixo unha demostración da solución Clever Planner, concibida para dar resposta ás necesidades de planificación das ordes de produción a través do emprego dun motor de optimización que permite planificar a produción “dun xeito sinxelo e fiábel”.
Por último, a empresa Ledisson presentou a súa tecnoloxía IIoR, que pon en xogo importantes melloras en materia de produtividade mediante a monitoraxe de robots industriais.

PUBLICIDADE