Gradiant avanza na investigación dos sensores inerciais, con gran potencial no eido da saúde ou dos deportes

martes, 17 de decembro do 2013 Redacción

Gradiant deunos conta estes días dunha importante liña de traballo que está a acometer e da que poden extraerse interesantes aplicacións empresariais de tipo social e médico. Trátase do eido dos sensores inerciais, que son dispositivos que son quen de medir aceleracións e velocidades de xiro, e que teñen potencial, informan os investigadores do centro de I+D con sede en Vigo, para mellorar moito a calidade de vida das persoas maiores, dependentes, doentes ou con diversidades funcionais e motrices importantes. Os traballos de Gradiant diríxense en parte a acadar unha meirande democratización das tecnoloxías de recoñecemento da actividade, por tradición unicamente ao alcance de persoas expertas.
Segundo conta o investigador Alexandre Tornero, hoxe en día é máis necesario ca nunca fornecer unha ferramenta para a medida obxectiva e precisa deste tipo de actividades, unha solución que sexa flexíbel, cómoda, sinxela e capaz de abordar todo tipo de retos. Ao seu xuízo, os sensores inerciais son unha solución óptima para acadar esta ferramenta flexíbel e universal, sobre todo grazas aos avances en microelectrónica acadados nos últimos anos, que os converteron en dispositivos baratos, lixeiros e de tamaño reducido. Ademais, achegan consumos baixos, autonomía razoábel (mesmo empregando tecnoloxías sen fíos), tamaños reducidos e marxe ampla de adaptación para o emprego cotián (mesmo inseridos na roupa).
Todo isto abre importantes posibilidades para o control constante das variábeis físicas dunha persoa, como as devanditas da aceleración ou a velocidade de xiro. Gradiant ve nestas tecnoloxías “unha gran oportunidade para a súa aplicación en ámbitos tan diferentes como o sanitario, o aeronáutico, o deportivo, ou o da seguridade”. Por estes e outros motivos, o centro galego está a centrar parte dos seus esforzos nesta liña, a través do desenvolvemento de diferentes proxectos, aproveitando a súa experiencia en redes de sensores, procesado avanzado de sinal e recoñecemento de patróns.

PUBLICIDADE