Gradiant amosou un amplo abano de tecnoloxías para dar resposta ao envellecemento da nosa poboación

luns, 3 de febreiro do 2014 Redacción

O pasado 24 de xaneiro celebrouse en Vigo a I Xornada de Transferencia Tecnolóxica sobre eSaúde. O evento veu da man de Gradiant, centro galego de I+D, que desenvolveu na cita demostracións das máis recentes tecnoloxías de seu para o eido da atención médica, baseadas en dous datos a ter en conta: por unha banda as vantaxes que achegan as tecnoloxías no coidado a doentes e pola outra a realidade social da nosa contorna, cunha taxa de envellecemento cada vez maior que nos fai adiviñar, en palabras de Gradiant, “un futuro no que a personalización dos tratamentos, a prevención de accidentes e o coidado extremo dos datos cobran unha importancia capital”. A cita contou con máis dun cento de asistentes e a presenza das principais empresas do sector empresarial e do tecido investigador vinculados á eSaúde (tanto do plano nacional como do internacional).
Houbo, ademais, unha ducia de demostracións de tecnoloxías desenvolvidas en Gradiant, intervencións de representantes da Comisión Europea, da Axencia Galega de Innovación, da Consellería de Sanidade e das institucións e centros médicos máis senlleiros da nosa terra. Tamén participaron profesionais das empresas Indra ou IBM (esta última amosando as vantaxes de Watson, un sistema informático que actúa coma unha gran enciclopedia médica e que é quen de aprender coas preguntas que se lle fan e que incrementa de continuo as fontes de resposta).
A xornada celebrouse no edificio CITEXVI de Vigo e Gradiant, como dixemos, presentou algúns dos seus proxectos máis representativos en materia de medicina, atención a persoas doentes ou dependentes e novas tecnoloxías. En total, foron 13 os proxectos do centro galego que se amosaron e nos que traballan, a día de hoxe, algúns dos 92 investigadores aos que dá acubillo. O abano de actividade, salientaron os profesionais do centro, é moi amplo: sistemas que mediante sensores poden facer un seguimento dos movementos dun paciente, un radar que detecta o noso ritmo respiratorio (que realiza o seu cálculo en base ao tempo que transcorre entre que se emite e se recibe un sinal dirixido á cavidade torácica do paciente) ou sistemas de realidade aumentada para axudar aos profesionais sanitarios no seu labor. Asemade, avaliáronse os detalles dunha ferramenta que é quen de medir o ritmo cardíaco dun paciente a través da captación de imaxes da súa faciana. Esta tecnoloxía, presentada polo investigador Javier Sánchez (área de información multimodal de Gradiant), procesa as imaxes e en función das variacións do fluxo sanguíneo que se reflicten na cor da pel, achega a frecuencia do latexo do corazón.
Esta xornada de transferencia foi posíbel grazas ao apoio do proxecto europeo Liftgate, financiado desde o Programa Regpot do Sétimo Programa Marco da Comisión Europea. Tanto un coma outro programa, sinala Gradiant, supoñen un selo de prestixio para o centro galego, “dado que estes proxectos outorgáronse -cun nivel moi alto de competencia- a entidades situadas en países de converxencia coma o noso que amosaron o potencial preciso para xogar na primeira división europea, pero sen os recursos suficientes para facelo en plenitude de condicións”.

PUBLICIDADE