Gradiant, aliado das empresas para o programa Conecta PEME

martes, 5 de xaneiro do 2016 Redacción

A nova edición do programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (convocatoria 2016) fíxose pública este 22 de decembro e manterá aberto o prazo de presentación até o 22 de xaneiro de 2016. Os obxectivos do programa, que para esta nova andaina conta cun orzamento dispoñíbel de 25 millóns de euros, son -por unha banda- fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresa e os demais axentes do sistema autonómico de innovación, e por outra banda apoiar proxectos de investigación e de innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificadas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación organizativa e innovación en procesos). Tamén se dirixe Conecta PEME 2016 a reforzar a competitividade das empresas galegas e emprazadas en Galicia a través da fórmula da innovación. Por certo que para garantir ao máximo “o éxito dos proxectos que se presenten, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) aconsella contar co apoio de organismos de investigación como Gradiant.
De feito, a contratación dun centro coma Gradiant valórase moi positivamente, até con 15 puntos durante a avaliación do proxecto.
Conecta PEME, como dixemos, fomenta a agrupación empresarial a través de proxectos de I+D centrados en investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en organización e procesos.
Recordar tamén que os proxectos que se presenten deberán estar aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia: áreas de actuación consideradas estratéxicas para Galicia, como a Industria 4.0 ou o envellecemento activo, áreas nas que Gradiant tense destacado e significado, precisamente, como un referente con gran experiencia neste tipo de convocatorias. En base a isto, o centro estase a achegar de firme como un “socio perfecto” para este tipo de proxectos, “con tecnoloxías presentes nos principais mercados mundiais”.
Recordar por último que Gradiant ten en persoal preto de 90 profesionais da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) que, nas súas palabras, atesouran “unha experiencia e un liderado demostrados nesta índole de proxectos e convocatorias”. Para Gradiant, dan fe disto “os nosos éxitos nos programas europeos H2020 e Sétimo Programa Marco (FP7); e sobre todo a nosa experiencia en programas de apoio á I+D de carácter estatal e autonómico, como os FEDER Innterconecta, ou as dúas edicións anteriores de Conecta PEME”.

PUBLICIDADE