Gradiant afiánzase como referente en procesamento de linguaxe e análise smart de contidos

xoves, 18 de febreiro do 2016 Redacción

Gradiant vén de dar conta das súa capacidade para a investigación e o desenvolvemento na análise intelixente de contidos. Máis polo miúdo, do seu dominio nas tecnoloxías PLN (Procesamento da Linguaxe Natural), en palabras do centro tecnolóxico galego “unha liña de traballo punteiro en Gradiant, validada grazas a (entre outros grandes resultados) os seus premios en certames internacionais e as múltiples publicacións dos nosos investigadores sobre o tema”. Certames como por exemplo SEMEVAL, Workshop Internacional en Avaliación Semántica.
Ao fío do devandito, sinalar que sen dúbida un dos puntos fortes de Gradiant é o procesamento de información semántica extraida de medios sociais, ámbito no que o centro tecnolóxico obtivo importantes fitos e conta cunha gran experiencia. Este tipo de procesamento, explican fontes de Gradiant, “é clave como elemento competitivo fundamentalmente no ámbito de mercadotecnia”. Por exemplo na análise de opinión, na segmentación de clientes, nos recursos de recomendación ou na reputación en liña.
A base deste tipo de investigacións abeiradas ao concepto PLN está no seguinte: a linguaxe foi, é e será un instrumento básico para os humanos. Con todo, malia a súa importancia non resulta sempre o perfecta que sería de desexar, ou mellor dito: os diferentes interlocutores non a empregamos sempre da maneira máis correcta e precisa posíbel, tanto na nosa actividade offline como nas contornas dixitais. O resultado disto é que coa chegada das novas tecnoloxías da información as ferramentas automáticas postas en xogo tiñan moitos atrancos para interpretar a información transmitida a través da lingua. Isto facía preciso o traballo dunha persoa. O problema é o seguinte: que acontece cun ámbito tan “inmanexábel” e “ingobernábel” como o dos medios e as redes sociais? O procesamento manual, polo tanto, fica por forza desbotado. Segundo explica Gradiant, “son imprescindíbeis ferramentas automáticas que se encarguen de entender o que se di”, e máis adiante clasificar o que se transmite, recomendar ou responder.
A respecto do devandito, Gradiant salienta que o axeitado son novas tecnoloxías que sexan quen de manexar e procesar grandes volumes de información (Big Data), tanto “en tempo real como en batch”, así como as técnicas de Intelixencia Artificial (AI) e Machine Learning capaces de aprender e adaptarse de forma continua a unha información complexa e diversa.
Un exemplo deste tipo de traballos e tecnoloxías con aplicacións concretas é o proxecto GLIK impulsado por Gradiant, ferramenta de análise de redes sociais que proporciona intelixencia sobre marcas, produtos ou servizos. Entre outras cousas, GLIK revela información fundamental de contidos procedentes das comunidades 2.0 a través da agrupación de textos en función da súa temática, a extracción de polaridade semántica (mensaxes positivas, negativas ou neutrais) e o descubrimento da meta e do obxecto de interese (queixas, necesidades, recomendacións, bromas, adquisicións) do usuario que publica.

PUBLICIDADE