Gradiant acode este xoves ao Centro de Educación Especial da Guarda

mércores, 1 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Actividade de divulgación levada a cabo polos técnicos de Gradiant no Colexio Navalón de Santiago

O centro galego Gradiant segue adiante coa súa traxectoria de divulgación polos centros de Educación Especial do noso país, amosando as vantaxes das redes e das novas tecnoloxías ás rapazas e rapaces que realizan os seus estudos nestes colexios e sen deixar de lado aos principais responsables, xunto coas nais e cos pais, da súa formación: as profesoras e os profesores. Segundo conta Gradiant, a vindeira escala será o centro Educación Especial San Xerome Emiliani, situado na Guarda.
A visita insírese na actividade Tecnoloxías Especiais para Persoas Especiais, e conta con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT. O seu obxectivo básico será contribuír á normalización do uso das novas tecnoloxías entre entres colectivos, uns recursos que por diversas razóns non amosaron aínda todo o seu potencial no desenvolvemento persoal e na mellora da calidade de vida destes rapaces. A visita celebrarase este xoves 2 de xuño, a partir das 10.00 da mañá.
Para máis información sobre a actividade e sobre o programa de accións no que se insire, cómpre visitar a web Divulgación de Gradiant.

PUBLICIDADE