Gradiant achegou a súa experiencia no desenvolvemento do receptor intelixente de Hispasat

mércores, 29 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

No desenvolvemento da tecnoloxía tamén participou a galega Blusens, que amosou o seu funcionamento no salón Broadcast

O centro galego Gradiant foi un dos principais impulsores e colaboradores dun interesante proxecto tecnolóxico dirixido a a simplificar e optimizar o equipamento do noso fogar para acceder, no futuro, aos contidos da televisión. Falamos do proxecto Saturno do operador español de satélites Hispasat, que nos vai permitir ver contidos audiovisuais en calquera dispositivo (teléfonos intelixentes, televisores ou tablets) e dende calquera recanto da nosa casa e todo a través dun único receptor. A tecnoloxía, que xa está chegando ao mercado, foi sometida este ano á última fase de probas (nota en PDF), co fin de solucionar detalles e optimizar ao máximo o desenvolvemento.
Como dixemos, detrás de Saturno atópase Hispasat, pero tamén unha serie de empresas e centros de investigación de primeira liña achegando a súa experiencia en materia de telecomunicacións, como o centro galego Gradiant, cuxas principais liñas de traballo ao longo dos seus (xa) cinco anos de vida céntranse sobre todo nas comunicacións dixitais, redes, aplicacións e información multimodal. Amais de Gradiant, tamén participa no proxecto outro axente galego, concretamente a empresa Blusens, radicada en Santiago de Compostela e especializada no desenvolvemento e distribución de todo tipo de aparellos e servizos de lecer tecnolóxico. Volvendo a Saturno e as súas principais características, dicir que a súa función é, en palabras de Hispasat, descargar o contido do satélite, convertelo e distribuílo a tódolos dispositivos compatíbeis dunha casa. A tecnoloxía bota man do que xa hai no fogar, como os accesos Wi-Fi ou por cable. O servizo, “simple e de baixo custe”, pon en xogo un único receptor que é o que se encarga de descargar o contido do satélite. “A diferenza con outros sistemas”, explican os responsábeis deste desenvolvemento, “é que non é preciso enchufar o receptor a ningunha televisión para compartir e ver contidos; ademais, en cada computador, móbil ou teléfono intelixente dispoñíbel, poderanse ver contidos diferentes de xeito simultáneo”. Amais de Hispasat, Blusens e Gradiant, tamén participaron no proxecto (posto en marcha en 2010) Broadcom, Lecisa, Ikusi e Promax.

PUBLICIDADE