Gradiant achegará a súa experiencia no pulo europeo á tecnoloxía móbil do mañá: a tecnoloxía 5G

luns, 4 de novembro do 2013 Redacción

Acontece en materia de Sociedade da Información que cando unha tecnoloxía chega finalmente ao usuario resulta que en certa maneira xa non é cen por cen nova. Isto pasa con todo o que nos poidamos imaxinar: a cadea de desenvolvemento e implantación é tan longa que cando se completa xa deu tempo a que comezaran outras cadeas. Isto vén a conto para falar de novo do centro Gradiant e dos seus traballos e investigación TIC, algúns dos cales están moi por diante do que se coñece e se usa a nivel xeral (Gradiant traballa dándolle forma ao futuro). Este luns mesmo, soubemos dun proxecto destas características no que colabora o centro galego: a plataforma tecnolóxica europea de telecomunicacións que pilotará a transición cara aos futuros sistemas 5G (a orixe do vindeiro organismo que pilotará a implantación destas redes, que complementarán e substituirán ás 4G, arestora en proceso de despregamento na nosa terra).
A nova plataforma, que aínda non ten nome oficial, aglutina a ISI (plataforma de comunicacións por satélite) e a Net!Works (redes e servizos), que se fusionaron nesta nova entidade que agora nace. E Gradiant, que até agora era xa membro de ámbalas entidades, decidiu continuar coa súa aposta internacional e formar parte da nova plataforma tecnolóxica desde a súa fundación. “Este novo ente”, informan fontes do centro galego, “estará formado por grandes empresas, PEME e organismos investigadores de todo o continente, de modo que recolle a todos os intereses do sector das telecomunicacións en materia de I+D+i.”.
Nun futuro inmediato, engádese, a plataforma terá un alto protagonismo a nivel europeo, entre outras cousas porque é o xermolo do partenariado público-privado para a futura infraestrutura 5G, que se prevé que empezo a operar a principios de 2014. Esta alianza pública-privada representa en palabras de Gradiant “unha aposta estratéxica da Comisión Europea e do sector europeo das telecomunicacións, mediante a que se favorecerá a competitividade da industria da Unión á hora de definir as comunicacións e a Internet do futuro”.
O apoio da Comisión Europea á 5G canalizarase a través do novo programa marco de investigación e innovación, Horizon 2020. A xornada fundacional desta plataforma, celebrada en Bruxelas, serviu tamén para celebrar as eleccións á primeira xunta directiva, que contará coa presenza da compañía galega Quobis e de dous centros de investigación españois, IMDEA Networks e Centre Tecnológic de Telecomunicacions de Catalunya (CTTC).

PUBLICIDADE