Google volve protagonizar as bromas do Primeiro de Abril

luns, 1 de abril do 2019 Marcus Fernández

Chega o Primeiro de Abril, e na Internet xorde a creatividade para realizar bromas que queden plasmadas nesta sorte de día dos inocentes anglosaxón, nos que nos últimos anos destacou especialmente Google, compañía que non quixo ser menos desta volta, e realizou diferentes contidos moi traballados, como a integración do clásico xogo da serpe na aplicación de Google Maps (que tamén podemos xogar vía web), o anuncio de que a aplicación Files incluiría un limpador literal de pantalla (esta aplicación serve, entre outras cousas, para facer limpeza de ficheiros, ou sexa, para eliminar documentos repetidos, pouco usados ou dos que xa se fixo un respaldo na nube) e mesmo a incorporación a Google Home da posibilidade de falar cos tulipáns mediante un revolucionario sistema de tradución entre o tulipanés e ducias de linguas humanas.

Vídeo no que vemos como sería o limpador de pantalla da aplicación Files

Google Home permitirá falar cos tulipáns

Máis modestas son outras bromas como a incorporación dun verificador de altura á aplicación Tinder, un novo asistente holográfico con intelixencia artificial de nVIDIA que axudaría durante o xogo en PC (chegando incluso a discutir por nós en foros da Internet), un futuro coche eléctrico de OnePlus, un dron paseador de mascotas, adhesivos para personalizar o AirPower (produto do que soubemos da súa cancelación hai poucos días), un servizo de coches autónomos para mascotas da man de Waymo, e incluso un revolucionario sistema de xestión para os nosos contrasinais: unha libreta onde anotalos.

O novo asistente de nVIDIA para gamers preséntase dun xeito divertido

Un ano máis confírmase que o 1 de abril é unha boa data para crear contidos humorísticos, que non levan a engano, aínda que nalgunha ocasións chegaron a predicir o lanzamento de produtos reais, como cando en 2014 animaron a cazar criaturas Pokémon a través de Google Maps, anticipándose ao lanzamento de Pokémon Go.

O servizo de coches autónomos para mascotas propostos por Waymo destaca polo coidado polos detalles

PUBLICIDADE