Google traballa nunha plataforma para facer aplicacións 3D na web

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

Dende os principios da popularización da web existiron propostas para achegar os gráficos 3D ao usuario a través do navegador (coma o VRML) pero ante a proliferación das tarxetas gráficas nos escritorios informáticos a cousa agora parece máis doada, polo que dende Google presentan O3D, unha API de código aberto que permite crear aplicacións interactivas tridimensionais para o navegador, que polo momento xa está adaptada a Windows, Mac e Linux, e que podería servir tanto para desenvolver xogos 3D como para facer versións de aplicacións coma Google Earth sen ter que utilizar unha aplicación de escritorio.
Este sistema ten moito potencial, e as demostracións que podemos ver ata o momento presentan uns gráficos bastante aceptables, aínda que como principal eiva estea o detalle de que sexa preciso instalar un engadido no navegador web para poder gozar dos traballos desenvolvidos baixo esta plataforma, que aínda está nunha fase moi inmadura, aceptando suxestións sobre características a engadir.
Haberá que ver se esta plataforma é ben acollida, pois os desenvolvementos dependentes de engadidos para o navegador (agás os baseados en Flash) teñen bastantes problemas para chegar ao grande público.


Vídeo no que podemos ver cómo funciona un contorno 3D creado coa API O3D

PUBLICIDADE