Google presenta Spaces, unha nova ferramenta para compartir contidos en grupos reducidos

luns, 16 de maio do 2016 Marcus Fernández

Non é ningún misterio que Google+ é un proxecto fracasado, pero algunhas das súas últimas funcionalidades, como as Comunidades e as Coleccións, contaban con moito potencial, e avanzando nesa mesma liña presentan agora Spaces, unha ferramenta para compartir contidos en pequenos grupos, de xeito que fai moi áxil compartir artigos, vídeos e imaxes sen deixar aplicacións como Google Search, YouTube ou Chrome, xa que integrarán Spaces.
Os contidos compartidos integraranse en conversas nas que o grupo tamén poderá realizar comentarios, que estarán accesibles a través da web ou das aplicacións para iOS e para Android do novo servizo que permite que calquera poda crear un espazo sobre unha temática calquera e logo convidar a calquera a participar a través de mensaxería, correo electrónico, redes sociais...
Para experimentar con este novo servizo dende Google a semana que vén aproveitarán a celebración do Google I/O para crear un espazo para cada sesión, facilitando así que os desenvolvedores poidan conectar entre eles e cos profesionais de Google ao redor das temáticas que se abordan no encontro.

PUBLICIDADE