Google prepara un programa piloto para os seus automóbiles autónomos

mércores, 28 de maio do 2014 Marcus Fernández

Hai máis de tres anos e medio Google iniciou un proxecto que parecía de ciencia ficción, a creación dun automóbil sen condutor, o que era un reto que parecería inabarcable por ter que combinar numerosas tecnoloxías dun xeito que non se fixera nunca, pero en todo este tempo conseguiron chegar a desenvolver prototipos realmente prometedores como o que veñen de presentar, e que sorprende principalmente por carecer de volante e pedais, xa que a condución realízase totalmente por software e unha serie de sensores que facilitan que o usuario só teña que preocuparse de marcar o destino e pór o cinto de seguridade.
Aínda que poida dar certo medo un vehículo que funcionase sen un condutor humano, estamos ante un automóbil que podería ser bastante seguro, pois os seus sensores evitan os puntos cegos, pode detectar obxectos a bastante distancia en todas as direccións e nos modelos actuais incluso poderíamos desprazarnos ata a 40 quilómetros por hora, velocidade que aínda é limitada, pero que sería dabondo para desprazamentos en cidade, resultando de grande utilidade para persoas con eivas para a condución (como invidentes ou cidadáns de avanzada idade).
Google pretende construír un cento destes vehículos para finais do verán, para que poidan probarse intensivamente no mundo real, aínda que nestes primeiros modelos colocarán controis manuais. Desenvolverase así, durante un par de anos, un programa piloto no estado de California que podería servir para marcar o camiño do futuro da automoción.
Os interesados neste proxecto xa poden seguilo a través da súa páxina en Google+.


Vídeo no que podemos ver un prototipo de coche autónomo de Google en funcionamento

PUBLICIDADE