Google podería presentar Android 4.2 e o LG Nexus o 29 de outubro

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Tras a chegada do iPhone 5 e iOS 6 e a vindeira chegada de Windows Phone 8 o vindeiro día 29, faltaba que Google movese peza, e finalmente convocou un evento en New York para o día 29 que centrarase en Android e que poderá seguirse en directo a través da canle de Android en YouTube.
Parece evidente que a presentación que realizará Google está destinada para a presentación de Android 4.2 e o móbil insignia desta nova versión do seu sistema operativo móbil, que sería o LG Nexus 4, que pese a non ser anunciado oficialmente, filtrouse en numerosas imaxes durante as últimas semanas chegando incluso a publicarse unha completa análise do mesmo nun blog bielorruso.

LG Nexus 4

Fotografía do posible LG Nexus

O novo terminal estaría inspirado no LG Optimus G e contará cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 Pro de catro núcleos, 2 Gb de RAM, pantalla IPS de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles e cámara de 8 Mpíxeles. O seu grosor sería de 9,2 milímetros e pesaría 139 gramos.

Nexus 7 de 32 Gb

No tocante aos tablets con Android, parece que de cara ao Nadal Google tamén buscaría facer máis competitivo o seu Nexus 7, que véndese actualmente en versións de 8 e 16 Gb por 199 e 249 euros respectivamente, e que podería estrear nas vindeiras semanas unha versión cunha capacidade de 32 Gb de almacenamento que tería o mesmo prezo que o de 16 Gb, información que chega de fontes nos EE.UU. e en Reino Unido que, de confirmarse, habería que agardar logo para ver cando chegaría o novo modelo a España.

Anuncio no Reino Unido que anuncia un Nexus 7 de 32 Gb ao mesmo prezo que o modelo de 16 Gb

PUBLICIDADE