Google podería estar preparando un servizo propio de televisión en streaming

mércores, 17 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

As pólas de Google xa apenas deixan pasar a luz. Isto vén a conto non tanto para criticar ao buscador, aínda que podería ser, como para falar unha vez máis dun novo proxecto que se estende dende o tronco común. Falamos do seu servizo de televisión en streaming, unha iniciativa da que aínda non se sabe gran cousa, nin tan sequera se será finalmente unha realidade, pero cóntase que xa hai conversas coas grandes empresas de contidos de TV para lanzar este proxecto, polo que o xigante da Rede xa andaría en leas para facerse coas licenzas que posibiliten a súa televisión en liña particular. A información confirma que a Google interésalle moito o éxito que están a ter en EE UU propostas en streaming como Netflix ou Hulu, e polo tanto póñenselle os dentes longos cada vez que medran un pouco máis as cifras de espectadores encantados con poder ver o que lles peta a calquera hora e dende calquera lugar.
Polo visto, a iniciativa de Google sería máis semellante á de Netflix que a calquera outra cousa. Lembremos que este servizo baséase na emisión de contidos a través de banda larga e quen consiste, basicamente, nunha plataforma de aluguer de películas e series de televisión que nos EE.UU. ofrece un acceso total ao seu catálogo de contidos a través da Internet por unha cota ao mes que anda a rentes dos 10 dólares. Asemade, os contidos de Netflix poder reproducirse tanto dende o ordenador como en consolas de videoxogos, reprodutores de Blu-ray con capacidades avanzadas e televisores conectados á Internet (que acepten a instalación de aplicacións).
Volvendo á información sobre o proxecto de Google, engadir que semella que podería haber acordo cos provedores de televisión de pago antes de que remate o ano. Polo menos esa é a intención do buscador.

PUBLICIDADE