Google permítenos seguir a Papá Noel en tempo real

venres, 24 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Dende o ano 2004 durante a Noiteboa dende Google teñen en funcionamento o Santa Tracker, unha ferramenta que facilita o seguimento de Papá Noel en tempo real sobre o mapa do mundo, completando esta función con numerosos xogos e divertimentos que contenten aos pequenos da casa na súa espera polos agasallos de Nadal.
Conforme foi evolucionando esta ferramenta de Google non só amosou a información dun xeito máis elegante e divertido, senón que tamén se adaptou aos distintos dispositivos, de xeito que podemos gozar do rastrexador de Santa no ordenador e no móbil e, nos últimos tempos, tamén a través do asistente de Google, o que nos permite saber onde está Papá Noel cunha simple busca ou preguntándollo ao asistente de voz.
Cómpre salientar que o traballo que fai realidade esta función que tanto éxito ten entre a cativada é obra de preto de 20 traballadores de Google que realizan esta tarefa de xeito voluntario, no que podemos ver como un bo exemplo do que a tecnoloxía de Google pode conseguir.

PUBLICIDADE