Google pechará o seu creador de visitas en VR

venres, 13 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Apostar a longo prazo por servizos de balde de Google está a demostrar ser un risco inasumible, e ao igual que esta semana anunciaron que van deixar de ofrecer almacenamento ilimitado de balde en Google Fotos (o que forzará a reformular a política de copias de seguridade de centos de millóns de teléfonos móbiles en todo o mundo), tamén anuncian agora o peche de Tour Creator, iniciativa creada hai pouco máis de 2 anos, a través da que convidaban a educadores, estudantes e cidadáns en xeral a crear experiencias de realidade virtual para logo compartilas en liña.
A ferramenta permite crear historias baseándose en imaxes envolventes de Google Street View ou fotografías de 360 graos creadas polos usuarios, o que tiña un grande interese para crear experiencias educativas atractivas ou incluso para dar a coñecer o patrimonio e a historia de pequenas comunidades, pero que deixará de estar dispoñible o 30 de xuño de 2021, data tras a que nin as ferramentas nin os contidos creados coas mesmas estarán dispoñibles, deixando tirados unha vez máis aos usuarios e facendo inviables algúns proxectos educativos creados ao redor desta tecnoloxía.
Nos vindeiros meses Google achegará instrucións sobre como poder exportar os recursos das viaxes virtuais publicadas. Cómpre lembrar que este é o enésimo cravo no ataúde da realidade virtual por parte de Google, que leva meses deixando de lado todas as tecnoloxías asociadas ao aproveitamento de smartphones como visores de realidade virtual, dando a entender que deu por perdida esa batalla, que parece estar agora liderada por Facebook.

PUBLICIDADE