Google introduce cambios para rastrexar mellor o contido para smartphones

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

As páxinas web detectan en moitas ocasións os tipos de dispositivos que están a acceder ás mesmas para presentar unha versión optimizada para os mesmos, especialmente dende que os dispositivos móbiles están a cobrar unha maior relevancia, e atendendo a esta tendencia Google anuncia que está a mudar o xeito no que explora o contido da web, de xeito que estrea un novo user-agent para que o seu robot de exploración poida identificarse claramente como un smartphone e non como un móbil de baixa gama, de xeito que o buscador saberá cando unha páxina web está adaptada aos distintos dispositivos móbiles.
Google tivo que facer este cambio porque moitas páxinas web presentaban ao robot de busca a súa versión para móbiles básicos (normalmente moi pobre, para facilitar a súa carga en dispositivos de baixa gama), cando hoxe un dispositivo móbil pode ser unha cousa ben distinta, pois smartphones e tablets non teñen moitos problemas para traballar con versións completas de páxinas web, resultando de interese saber se están adaptados para este tipo de dispositivos controlados de xeito táctil.
Dende Google estiman que este cambio afectará a menos dun 0,001% dos enderezos web e proporciona aos webmasters un maior control sobre o rastreo e a indexación do contido.

PUBLICIDADE