Google estrea unha listaxe coas tendencias de busca nos EE.UU.

mércores, 23 de maio do 2007 Marcus Fernández

Google está a traballar na converxencia de moitos dos seus servizos de busca, e vén de anunciar a fusión do seu Zeitgeist e de Google Trends para crear Google Hot Trends, que permite a consulta dunha listaxe coas 100 primeiras tendencias de busca (nos EE.UU. e obviando os termos pornográficos) que se actualizará varias veces ó día e servirá coma un indicador sen precedentes do seguimento dos eventos que se reflicten na Internet.
Así, no momento de escribir estas liñas podemos ver que está de máxima actualidade o testemuño de Monica Goodling na polémica sobre a Fiscalía norteamericana, a final do concurso equivalente a ¡Mira quién baila! e o enfado de Apple ante os anuncios dun xoguete erótico coñecido coma iGasm.
Este tipo de estimación destaca sobre outras anteriores porque non dá as buscas máis populares, senón que analiza as temáticas de busca, de xeito que relaciona as distintas palabras introducidas en Google abstraendo o tema ó que se refiren. Por exemplo, o testemuño de Monica Goodling asóciase ás seguintes buscas “monica gooding”, “michael chertoff”, “goodling”, “wistv” e “monica goodling testimony”.

PUBLICIDADE