Google estrea unha extensión de Chrome para gardar os nosos marcadores na nube

xoves, 14 de abril do 2016 Marcus Fernández

Cando estamos diante do ordenador e atopamos un artigo do que gustamos e queremos ler máis tarde temos que recorrer a servizos como Pocket, que facilítanos o gardado dos contidos na nube como unha sorte de marcadores de favoritos en liña que podemos organizar empregando etiquetas, e que agora vai ter como grande competidor á propia Google, xa que a compañía de Mountain View ten xa unha extensión para Chrome que permite gardar páxinas en liña para a súa organización e posterior lectura.
A extensión Save to Google é oficial e completamente de balde, e para acceder aos seus contidos chega con visitar o enderezo do servizo, google.com/save (o que tamén podemos facer premendo co botón dereito do rato sobre o botón da extensión e picando logo sobre a opción de ver marcadores), que polo momento só está dispoñible en inglés.
Polo momento este servizo está bastante illado, e non goza da versatilidade de Pocket (que está integrado en numerosas aplicacións móbiles), pero dado que vén da man de Google é posible que poida medrar até converterse nunha solución a ter en conta.

PUBLICIDADE